Bruxelas autoriza a vacina de Moderna, a segunda que se usará na UE

A Comisión Europea adquiriu 160 millóns de doses da vacina.

Por Europa Press / Redacción | BRUSELAS | 06/01/2021 | Actualizada ás 18:58

Comparte esta noticia

A Comisión Europea autorizou este mércores o uso da vacina de Moderna na Unión Europea, polo que será a segunda que se administre no Vello Continente seguindo á de Pfizer BioNTech que se aprobou o día 21 de decembro.

Así o anunciou a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, nunha mensaxe nas redes sociais ás poucas horas de que o prototipo de Moderna recibise o visto e prace da Axencia Europea do Medicamento (EMA, polas súas siglas en inglés). "Estamos a prover aos europeos de vacinas seguras e efectivas contra o Covid-19. Autorizamos a vacina de Moderna, a segunda que se usará na UE", sinalou.

En virtude dos contratos asinados coa farmacéutica estadounidense, a Comisión Europea adquiriu 160 millóns de doses da vacina de Moderna, 80 delas fixas e outras tantas opcionais.

A luz verde de Bruxelas á comercialización e uso do tratamento de Moderna chega tan só tres horas despois de que a EMA outorgase a autorización condicional de comercialización. Isto aumentará o número de doses distribuídas nos estados membros, nun momento no que os atrasos e problemas no despregamento das vacinas suscitou críticas dalgúns estados membros.

Desta forma, o Executivo comunitario continúa comprometido con acurtar todos os procedementos para conceder rapidamente a autorización das vacinas, cando o proceso normalmente require 67 días.

Como lembrou Von der Leyen, a Comisión Europea ten comprometidas 2.000 millóns de doses das potenciais vacinas, o que debería ser máis que necesario para protexer á poboación da UE e cumprir cos compromisos internacionais adquiridos polo bloque.

Pola súa banda, a comisaria de Saúde, Stella Kyriakides, indicou que máis vacinas seguirán á de Pfizer e Moderna. "Os nosos esforzos non cesarán ata que as vacinas estean dispoñibles para todos na UE", sinalou, recomendando que mentres se produza a campaña de vacinación convén ter paciencia e manterse disciplinados e vixiantes.

Vacina contra a Covid da empresa Moderna
Vacina contra a Covid da empresa Moderna | Fonte: EFE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Sobre vacinas ARNm https://twitter.com/00Gamela/status... Outro tema será cando as veremos nos Centros de Saúde do Sergas (?)