Un sitio non tan distinto

O devalar galego non é único no mundo pero é o noso.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 12/01/2021

Comparte esta noticia

Nun dos capítulos iniciais de “Mani: Viaxes polo Sur do Peloponeso” o fileleno Patrick Leigh Fermor fai, coma na Ilíada, un catálogo das máis variopintas etnias e nacionalidades que aínda existían na Grecia de preguerras: Italianos, xitanos, vlachs, pomacos, armenios, alemáns, francos, venecianos, árabes, xudeus así ata medio cento de grupos,  e por suposto, albaneses, macedonios, búlgaros, e turcos.

En “Family Papers” Sarah Abrevaya Stein describe a partir dunha correspondencia esparexida por catro continentes, o devir dunha familia sefardí de Tesalónica, onde estes xudeus castelanfalantes eran a maioría ata o Holocausto, e que é hoxe a segunda cidade grega porque o seu exército chegou antes có Búlgaro á debacle otomana de hai un século.  

Preto dalí, Alev Scott na súa “Ottoman Odissey” visita as vilas de Xanti e Komotini, as únicas onde non se produciu o intercambio forzado de poboacións gregas e turcas xusto hai cen anos, e onde ambos gobernos xogan á intriga uns, á asimilación os outros, coa minoría turca do lugar. O mesmo que os criptoxudeus en Turquía, os Dönmehs que malia moitos ter perdido a mesma identidade xudea, o goberno laico turco tenos perfectamente identificados xa que durante a segunda Guerra Mundial tiveron que pagar un imposto especial.  

 Do mesmo xeito que os gregos da Magna Grecia están a punto de desaparecer logo de tres milenios de existencia no Sur de Italia, tamén o están os dialectos xermánicos no centro da península, herdados das invasións medievais. Os Laz, gregos do Mar Negro convertidos ao Islam para non ser expulsados á Grecia sobreviven polo alonxamento e menor desenrolo aínda desa parte de Turquía.  

Podemos ver na televisión unha serie coma Gomorra rodada en napolitano, que en Italia chaman dialecto o que nós chamamos lingua, unha de tantas onde ata hai pouco falaban italiano en Florencia e as clases podentes do resto do país pero que vai camiño de ser peza de museo filolóxico mesmo naquelas áreas que si son idiomas cooficiais, como a Aosta antes francesa ou o friulano da chaira veneciana. “A televisión é o que está a italianizar Italia” dixéralle unha vez Umberto Bossi ao entrevistador d´A nosa terra.  Que vamos dicir do destino do xa citado vasto tapiz grego, ante o poderoso nacionalismo verdebrador heleno.  

Pero tamén son os tempos. En Tsakonia poden estar orgullosos de falar o mesmo que falaban en Esparta, pero van no camiño có Ladino, ese castelán tardomedieval que algúns se empeñan en manter en Turquía, e mesmo Israel.

 Non hai idiomas con superpoderes, só contextos. Ao “nation-building” decimonónico sumóuselle a sociedade de consumo da posguerra mundial, moito máis potente estandarizador de gustos no estado-mercado cós BOEs ou mesmo a escola pública obrigatoria unilingüe. O cidadán-consumidor di que quere a individualidade pero no fodo o que quere e pertencer a un grupo. Os fillos dos latinoamericanos en Bélxica só queren falar francés na rúa, para progresar en Porto Rico mellor che vale dominar o inglés, ata os anos 50 os que mandaban na vida pública e intelectual finlandesa era a minoría sueca, e hoxe vai camiño de Galicia.

Como nós imos camiño de Bretaña, por moito que eles hai só uns días e como gran concesión francesa á diversidade lingüística, lles permiten por lei pór os seus nomes en bretón, como  nós en teoría somos libres facer para isto e moito máis desde hai case 40 anos. Como ben se ve ao chegar decembro e a lista dos nomes máis populares para nenos e nenas galegos.   

Así é que chegou o 21 de decembro de 2020 e ninguén apenas se lembrou de que corenta anos antes e pro primeira vez dun xeito que ninguén pode dubidar, o pobo galego constituíuse politicamente como tal mediante referendo. Houbo o acto de rigor no Parlamento e algunha noticia illada nos medios. A desculpa do COVID vale coma calquera outra.  

Pobo sen memoria. Só hai que preguntar a algún galegofalante de máis de corenta se se lembra dos pioneiros anuncios en galego de Motorola –“Mamaíña”-, Ford Escort Galicia -“Feito para as nosas estradas”-, ou Gilette –“O melloor para o hoomee”-, auténticos exemplos dunha normalidade excepcional daquela e hoxe. Se non existe mesmo esa memoria emocional polos propios interesados non falemos xa da institucional. Logo si todos nos lembramos de sucesos ocorridos a centos de quilómetros do Padornelo.  

Comezou o ano Xacobeo e semella que só interesa á Xunta e aos relixiosos, cando xa lle gustaría a eslovacos ou eslovenos ter un evento que promocionara a proxección internacional, cando non saber distinguilos e ubicalos no mapa. Poucos pobos teñen as rúas do estranxeiro pavimentadas con marcas que indican o camiño á casa. Sen embargo para nós todo é peixe. Visto iso, seguro que logo vainos preocupar moito o maltrato da paisaxe ou inzar os montes de eucaliptos e centrais enerxéticas.   

Pero hai que ser positivos. O Parlamento Galego rematou o anus horribilis cantando a coro unha panxoliña de nadal, e non con asaltos coma os do Capitolio, se ben algún incidente houbo no pasado. Tal como está o mundo, algo e algo. Feliz ano.

Viñeta de Castelao
Viñeta de Castelao | Fonte: cantoghalpon.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Serafín Pazos Analista político, dacabalo entre Bruxelas, onde reside, Escocia, onde traballa, e Galicia, onde ten a cabeza. Escribe a título persoal. @SerafinPazos