Referentes internacionais

Os exemplos nos que nos miramos din moito de nós mesmos.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 23/12/2022

Comparte esta noticia
Temos en Galicia a teima de compararnos cunha curiosa lista de líderes doutros países. Maiormente latinoamericanos, por aquilo de só saber falar español coma lingua estranxeira.  
 
Unha cousa é respectar a traxectoria do extupamaro e logo pacífico pater patriae urugaio José Múgica, e outra cousa o Lula da bolsa familia pero tamén da lava-jato. Nin o exguerrilleiro e primeiro presidente colombiano de esquerdas Gustavo Petro é o mesmo cós bolivarianos de Venezuela. Ultimamente o referente parece ser Cristina Fernández de Kirchner, a segunda da dinastía peronista da Santa Cruz patagónica, coñecida pola súa turbulenta vida política, económica, inmobiliaria e inevitablemente xudicial. O recentemente deposto líder peruano con sombreiro Pedro Castillo tamén figura na lista dos admirados, canda os Correas, AMLOs, Lugos e o plurinacional Morales. 
 
É de supor que, en contra do que di a dereita ultramontana mediática e polo tanto madrileña, tanta admiración por Latinoamérica non supón que se aspire a un sistema político baseado no presidencialismo, onde o chamado “oficialismo” que sae de eleccións a miudo pouco limpas, acapara tódolos poderes, alomenos temporalmente.  
 
Este tipo de preferencias é tamén un reflexo do chamado pensamento “antihexemónico” que pervive con forza coma un espectro da Guerra Fría. O “anti” profesional é o que en inglés se lle chama un “contrarian”. A cousa non deixaría de ser unha anécdota cando estes espellismos do pasado levan hoxe a transferir cara Putin a nostalxia polo referente que para algúns era a URSS. O que leva á surrealista situación de poñer a Ucraína, a Cataluña do mundo ruso, coma a punta de lanza fascista da OTAN no peito de Moscova.  
 
Tal lista de referentes resulta estrana se o que se busca é afirmar a Galicia no escenario internacional.  Imos facer pois unha lista alternativa do que é a arte de gobernar e asegurar a supervivencia da túa comunidade política, e iso a miudo nas situacións máis extremas.  
 
Xa que empezamos falando de Latinoaérica comecemos a nosa lista alternativa por alí, por un país e un líder que ningún “contrarian” coñece: A Costa Rica de Don Pepe. Este é o líder de oríxe catalá que pasou de terratenente a líder da breve guerra civil dos anos 50 (contra o goberno lexítimo, mais non necesariamente de esquerdas; neste país pouco dado ao frontismo a Igrexa Católica e o Partido Comunista chegaron a un pacto de non agresión). Don Pepe, o único líder civil na Centroamérica daquela, refundou un país pacífico e (social)democrático que se non fora por estar na latitude errada tería máis méritos propios para formar parte da UE ca Galicia. 
 
Falando de países europeos, examinemos a dous deles nun momento concreto. Dinamarca e Finlandia na Segunda Guerra Mundial.  O primeiro foi ocupado polos nazis pero a forza da súa administración e a unidade da nación foron capaces de evitar converterense en colaboracionistas coma a Francia de Vichy, ata o punto que foron quen de salvar a 7.600 dos seus 8.000 xudeus dos campos de exterminio.   O segundo foi invadido pola URSS pois quería alonxar a fronteira da súa porta ao Báltico, Leningrado. Os finandeses exeitárono, os soviéticos invadiron, o líder finés e ex-xeneral zarista,  Mannerheim, tivo que pactar cos nazis para parar aos soviéticos, ós que tiveron que ceder trala guerra unha cuarta parte do seu territorio. Durante corenta anos de Finlandización baixo o Fraga patrio, Urho Kekkonen, tiveron á raia ao oso ruso, non só emborrachándoos na sauna do Presidente, coma conta a memoria popular, senón, e sobre todo, por non dar escusa algunha ao inimigo. Ainda que iso supuxese que a túa poboación pasase fame para pagar as enormes reparacións de guerra en prazo e con intereses. Castelao ten uns cantos aforismos ao respecto.  
 
Vaiamos agora do frío á calor mediterránea. Por esa época na Palestina británica e baixo a cobertura do sindicato Histadrut, estábanse a crear as estruturas de Estado de Israel. O seu líder, Ben Gurion, nado na Polonia ocupada polo Imperio Ruso e comunista (viviu nun Kibbutz ata a súa morte) mandou ao bielorruso Shimon Perez (nado Persky) procurar armas e xudeus soviéticos a Checoslovaquia namentres que mandou á tamén futura Primeira Ministra Golda Meir, comunista nada en Milwaukee,  convencer aos ricos concidadáns  norteamericanos de que deran os cartos para pagalas. Ao mesmo tempo, o futuro primeiro Presidente  Chaim Weizmann presidente pactaba co ocupante británico. Co resultado que, en contra de calquera lóxica da Realpolitik, o voto da ONU no 1947 que deu a independencia ao Estado de Israel contou co voto afirmativo da URSS e os EE.UU., as dúas superpotencias xa para daquela inimizadas. E uns meses despois vencer a sete exércitos árabes. En español dinlle a iso pactar con deus e co demo. Os galegos dicímoslle Deus é bo mais o demo non é malo.  
 
Seguimos en Oriente Medio rematando no tempo presente, de feito cun caso de raibosa actualidade, coma é o do anfitrión do Mundial de Fútbol, Qatar.  A Copa do Mundo non é máis có derradeiro exemplo do que en inglés se chama “statecraft”.  Amáis de ser un país no que se marxina as mulleres, se persegue aos gays, se trata aos migrantes pobres coma os espartanos facían cos ilotas e se malgastan os cartos pola maldición do petróleo, o pequeno emirato tamén sabe dar máis dunha lección de como sobrevivir nun entorno de xigantes, o Irán chií (coma a maioría da poboación), a dinastía Saudita que domina a península e a superpotencia americana. Por iso, que en vez de só gastar as rendas do petróleo en diamantes e rolls royces, usaron o seu fondo soberano para mercar influencia en Occidente ben en equipos de fútbol, bens inmobiliarios, activos financeiros, exerceron a diplomacia indirecta via a canle Al-Jazeera e dándolle gratis aos EE.UU a súa maior base militar nesa parte do mundo.  Se nas finanzas existe o concepto “demasiado grande para deixalo caer” nas relación internacionais existe o de “demasiado ben conectado coma para ser indispensable”.  
 
Independentemente que non nos gusten moitos destes exemplos non deixan de ser referentes dos que aprender a gañar e conservar o poder, a independencia e a libertade. No suposto que ese sexa o que se pretende realmente.  
 
Quen queira saber máis desoutros referentes só ten que escoitar os episodios recentes do podcast “The rest is History” ou ler “The Ambassadors” do diplomático Robert Cooper. Claro que para iso hai que saber alomenos inglés.  

Pepe Mújica co presidente ruso, Vladimir Putin
Pepe Mújica co presidente ruso, Vladimir Putin | Fonte: presidentoffrussia.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Serafín Pazos Analista político, dacabalo entre Bruxelas, onde reside, Escocia, onde traballa, e Galicia, onde ten a cabeza. Escribe a título persoal. @SerafinPazos