Son da Terra

O que as Tanxugueiras nos ensinaron aos galegos.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 16/02/2022

Comparte esta noticia

Por primeira vez na historia, os galegos soubemos, colectivamente e simultaneamente, o que é sentirnos ben con nós mesmos. Durante uns breves instantes puidemos esculcar no horizonte, alén das montañas do Leste, os delouros da Alba de Groria.  

Logo a presentadora Dígocho eu, galegofalante aceptable para o pensamento dominante, pel branca, riquiña cun acento do interior e tan pouco metida en política coma Gayoso, converteuse na Evil Esther chamando as hostes galaicas a pór lume no chiringuito de Benidorm

Que a canción das Tanxugueiras gustara moito resulta sorprendentemente -sen ser a mellor delas claramente- , pois alén da súa reivindicación -coma obrigan os tempos- do feminismo e as fronteiras, era claramente un berro chamándonos á conquista das terras alén do Padornelo ata chegarmos ás augas cálidas do outro lado da península.  Así o entenderon os analistas estranxeiros tralo seu espectacular lanzamento (4 millóns de visualizacións)o  sen saber sequera de que idioma ou que pais falaban. Son dunha tribo, dicía un Nixeriano. “Veñen pra quedar” sona moi parecido ao “Ainda Estamos Aquí” co que os Galeses reivindican, tras sobrevivir a romanos, saxóns, normandos e ingleses,  o seu dereito a existiren.  

Unha canción que non fai concesións ao medo atávico de que non nos entendan. Se hai lectores do Faro de Vigo que non saiban o que é un turreiro ou un teixugo, e que haxa que traducirlles a letra, é un triste signo do noso tempo. Pero aqueles que si nacemos falando a Lingua agradecemos que non se fixese ningunha acomodación á fonética foránea, digna representación de como falan as nosas nais, as nosas avoas e bisavoas. Meter na canción algo e catalán é un xesto, usar a gheada e a velarización no final das palabras é amosar non que non e que haxa fronteiras  senón que, por fin, o que non hai é complexos.

Na presentación da final non se quedaron nas proclamas de rigor ao amor e a paz é o non as fronteiras de John Lennon típico deste tipo de seráns, e senón que deixaron ben claro que estaban para defender o seu país e a súa lingua, ou coma dixo un cronista do ABC, estaban plantexándolle un plebiscito a España.  

147.000 votos non foron tres millóns. Mais son máis cós que, por un exemplo,  tivo o Bloque nas veces que tocou os seus mínimos históricos.  Nun país onde nas súas dúas datas sinaladas, en maio e en xullo, unha minoría berra, o poder fai o paripé, a progresía mira para o lado e a maioría “pasa”, que durante dous meses e na ultima semana houbese un crecente sentimento colectivo, mesmo cando xa se sospeitaba o apaño, resulta algo sen precedentes.  

Nós non temos seleccións oficiais, non mandamos un Tartan Army que vaia perder ás Eurocopas e ao Seis Nacións, e as veces que a Irmandinha xogou amistosos   a non se celebraron as vitorias como se o Madrid gañara a Liga, non digamos aquela nova Champions logo de varias décadas de seca europea. Ver todo un pobo pendente da televisión, nas casas e nos bares empuxando todos xuntos non pasou nunca, nin cando Álvaro Pino gañou a Vuelta, no segundo posto  no Tour de Pereiro ou mesmo recentemente con Peleteiro. O Dépor gaña a Liga española e as rúas de Vigo están de funeral. Risas do norte coa Supertoto do Celta.  Parecía que a mostra en publico do orgullo colectivo non forma parte do noso ADN. Ata agora.  

Claro que hai precedentes, pero non na mesma escala. Coma fala Manuel Gago a Alborada Galega comezaron a cantala en Bos Aires hai cen anos e decatáronse que todos a coñecían e todos a sentían súa. E moitas cousas cambiaron para Galicia e a galeguidade.  Comezou a existir. Daquela maneira.

 Se os datos apócrifos de reparto territorial do voto son certos vemos unha xeografía das afinidades electivas que pode sorprender e da que hai que tomar nota: aparte de Asturias (lóxico), a opción galega triunfou na Castela eterna e mesmo en Madrid, pero para nada en Valladolid e no resto das grandes zonas urbanas. Nin sequera nos territorios bilingües onde a maioría urbanista da suposta postmodernidade da teta receia do folclore das Tractorias carlistas, propias ou alleas.  

Ironizaba Núñez Seixas, que moitos que se avergoñan de falar galego estaban detrás das Tanxugueiras. Ao cabo, unha recente enquisa amosa que nin o 20% dos mozos galegos sabe que existe música en galego nos estilos máis variados e perfectamente homologable á de países independentes máis grandes co noso. Radio Galega Música limita a 30% á musica en galego  - e non precisamente para cumprir coa Lei Paz Andrade co portugués- e a Son Galicia Radio mais ca unha emisora é unha playlist con música ao chou agochada na TDT e na Internet.  
Ao final pasou o que pasou. Como dixo Antón Losada, "Quen queira ver isto coma unha parábola do poder actual en España pode velo, quen non queira velo, tamén pode.” Toda unha lección para as grandes masas de como funciona o corporatismo e o capitalismo de amiguetes que engraxa o sistema madrileño-español, cos seus intereses cruzados, conflitos de interese, insider deals entre moi poucas persoas que se coñecen todas. Pasa no palco do Bernabéu cos negocios e coa axenda mediatica. Pasaba  hai anos no cinema español, que se reducía a media ducia de directores e dúas ducias de actores todos amigos e residentes en Madrid. Se hoxe isto último non pasa e polo cambio tecnolóxico, as elites dalá non cambiaron.

 Tamén di moito da nosa cultura democrática e meritocrática que ata este ano ninguén cuestionara que se seleccionaran cancións a dedo (visto o visto, mellor lles tería valido) nin que, a diferencia doutros Estados, onde son membros de Eurovisión tamén as autonómicas ou as privadas, RTVE siga a detentar ese monopolio. O mesmo pasa coas as forzas de seguridade do Estado impiden que Ertzaintza e Mossos  teñan interlocución con Europol. Ou coma cando o  corpo diplomático se volveu superlusista cando Galicia quixo exercer o seu Estatuto de Autonomía e unirse á CPLP.  

Nembergantes, o que en clave galega supón unha nova aldraxe, obxectivamente en clave española ten certa xustificación. Alen de que a cantante-bailarina teña moito oficio, o certo é que o espectáculo indixitado coma gañador pode ir sen problema  ao Madison Square Garden, produto como é da industria musical de Miami (cun coreógrafo californiano de orixe xaponesa e que traballou para Jennifer Lopez) co estilo musical propio do Bronx na súa versión Spanglish boricua -  que moitos eurofas identifican con España tanto coma o Flamenco. Mais coma lembra Caparrós no seu excelente “Ñamérica”, a cultura latinoamericana pasa por dúas editorial de Barcelona e polos estudios de Miami, que é “a capital de Iberoamérica. Miami é o capital”  

E sen embargo como di Manuel Jabois, España non estaba preparada para as Tanxugueiras pero si os Españois, como amosa o 70% dos votos o enorme mural  de Spotify colgado  na madrileña Calle de Alcalá. O Luar da semana a seguir, especial Tanxugueiras, foi éxito de audiencia non só en Galicia senón que tamén tivo gran seguimento fóra das nosas fronteiras e non só por aqueles mozos emigrantes que por primeira vez se poñen a velo sen estar a cear na casa dos seus pais.

Dito topo isto, hai algunhas leccións que este fenómeno sen precedentes nos ensinan aos galegos para o futuro.

Triunfa o que é horizontal. Neste caso non houbo patrimonialización de ninguén, nin Bloque, nin Xunta. Todos foron arrastrados a sumarse á vaga popular cara o final, con Política Lingüística financiando un despregue da TVG no festival da TVE, e Feijoo aproveitando a efeméride do pasamento de Castelao no mesmo dia da final para ir facer profesión de fe patriótica no Panteón de Bonaval.  De Pereiro a Ónega, todo galego que é alguén, discretamente pero decididamente, sen poñer os habituais peros e reparos, estaban apoiando a opción galega.  

Une o que nos validan desde fóra, sobre todo en España. Andrés Dobarro, Ana Kiro, Os Resentidos son transversais porque todos triunfaron nalgún momento no media español-madrileño (Ana Kiro na TVE, os Resentidos e o Bravú nos 40 principais, Dobarro mesmo con Concha Velasco nunha película do franquismo - con música en galego!). De feito, agás algún breve exabrupto, comparando ás galegas cun aquelarre, sometidas a tiranía patriarcal da aldea segundo algunha progre  que logo non ten problema en mandar sexismo gangsteril chicano a Eurovision, a reacción á proposta galega foi moi positiva. Por moito voto masivo galego o feito é que con ese 70% de voto é inapelable que se xerou simpatía e ben pouco rexeitamento fóra de Galicia.  Dicía Ho Chi Minh que o seu principal aliado na guerra do Vietnam era a xuventude norteamericana. Os nosos amigos e os intereses non necesariamente son os que se asumen habitualmente.  

Hai industria pero falta tecido. Galicia tivo moitos falsos amenceres. Só no eido da música o pop e a reivindicación dos 70, o rock dos 80, o boom do Bravú e o folk dos 90, o pop e o hip hop nos 2000, pero seguimos na precariedade. Como resaltou con razón Ana Pontón as empresas que fixeron posible Terra (e as producións anteriores da Tanxugueiras) son todas galegas. Sen estas non poderían ter feito esa proposta, por moito ruído que viñera nas redes sociais para que o trío se presentara. O concurso e a vitoria diaria que leva 100 números de Luzes, 10 anos de praza, 2 anos de Nós Diario,  premios para o Novo Cinema Galego en Cannes, series galegas coproducidas con Portugal e emitidas na Netflix ou HBO en todo o mundo.  Lembrémolo hoxe neste 146 aniversario do lanzamento d´O Tío Marcos da Portela.

Agora xa sabemos o que pasará. Nun país con demasiadas iniciativas que non pasaron do primeiro número, proxectos que non chegaron a comezar, o máis probable é que nuns días volvamos á triste realidade que é a nosa inexistencia colectiva. Ou non. As Tanxugueiras demostráronnos a Galicia posible.  
 

Actuación das Tanxugueiras no Benidorm Fest
Actuación das Tanxugueiras no Benidorm Fest | Fonte: RTVE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA