Ollo se tes unha leira... poderás perdela se non acreditas a titularidade en cinco anos

Aos propietarios que a perdan só lles quedaría a vía xudicial.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/01/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A futura Lei galega de recuperación de terras outorga á Xunta a facultade para investigar a propiedade cuxos titulares se descoñecen e, unha vez que conclúa esta actuación --que se arroga agora a Administración autonómica fronte ao Estado, que ten as competencias xerais--, daráselles cinco anos aos propietarios para que acrediten selo antes de que ese terreo pase a formar parte do banco público de terras.

Precisamente, esta é a principal novidade con respecto aos terreos das persoas que están ilocalizables. Este prazo de cinco anos non existe actualmente no procedemento estatal, explicou este luns o conselleiro de Medio Rural e deputado do PPdeG, José González, polo que, ao seu xuízo, esta e outras medidas dan garantías xurídicas en toda a normativa que se tramitará agora na Cámara autonómica.

Deste xeito, a Xunta investigará a propiedade e, se conclúe o proceso sen localizar a ese dono, disporá dese terreo para a súa xestión. Abrirase un prazo de cinco anos para que, no caso de que apareza o propietario, acredite que o é. Nese caso, o rendemento da terra abonaráselle ao seu titular; pasados os cinco anos, a Xunta quedará con esa propiedade e poderíase recuperar, no caso de que apareza o seu lexítimo titular, pero xa pola vía xudicial.

O titular de Medio Rural explicou que este prazo de cinco anos abre un período polo cal o propietario evitaría ir aos tribunais, o cal non ocorre actualmente, porque o Estado inscribe no catastro directamente as leiras cuxos propietarios non aparecen unha vez feita a investigación oportuna.

A filosofía desta futura lei é lograr que todo o territorio teña unha "rendibilidade". Para iso, fomentarase o arrendamento, venda ou agrupación de propietarios, co fin de que haxa unha xestión do territorio, xa sexa con fins agrícolas, gandeiros ou de produción forestal. Outro dos instrumentos que inclúe esta lei son as coñecidas como "aldeas modelo", unha fórmula que xa se implantou nalgúns puntos de Galicia.

Un tractor roza nunha leira en Galicia. CEDIDA - Arquivo
Un tractor roza nunha leira en Galicia. CEDIDA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Peliqueiro

Moita xente non vai acreditar a titularidade nin en cinco nin en vinte anos, e iso xa o sabemos. Ogallá se recuperasen tamén as comunidades de montes veciñais en moitos sitios. A terra pasará nestes caso ao banco de terras (instituido polo BNG/PSOE) para darlle uso se alguén precisa terras, para por exemplo, iniciar un proxecto vital e repoboar algunhas aldeas. Estos titulares son carne de confusión nas redes sociais. Deberíades ser máis coidados@s con iso.

1 Joseva

A titularidade non pero o vinculo con ela si e eso e suficiente hasta hoce

1 galegON

"A terra para quen a traballa", volveuse roxo o Feijóo !!