Juan Manuel Vieites fai oficial a súa candidatura para presidir a CEG, que leva tres anos sen cabeza visible

Organizacións sectoriais apostan por darlle o seu "voto de confianza".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 11/01/2021 | Actualizada ás 15:14

Comparte esta noticia

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) recibiu este luns a presentación da candidatura oficial de Juan Manuel Vieites Baptista de Sousa para a asemblea xeral electoral que se celebra o próximo día 21 de xaneiro, tras o acordo adoptado por unanimidade polo consello de administración da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL).

Vieites Baptista de Sousa é secretario xeral da patronal nacional da conserva Anfaco-Cecopesca e vicepresidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP). Doutor en Ciencias Químicas pola Universidade de Santiago de Compostela, o candidato acumula unha dilatada traxectoria profesional no sector da conservación de produtos da pesca, a acuicultura e a conserva, así como nas negociacións no ámbito da Unión Europea.

O vindeiro xoves, día 14 de xaneiro, finaliza o prazo para presentar as candidaturas; e ao día seguinte celebrarase unha xunta directiva para proclamar "a/s proposta/s que se presentaron", segundo destaca a patronal nun comunicado de prensa.

Vieites, Anfaco. EUROPA PRESS - Arquivo
Vieites, Anfaco. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

DESDE HAI TRES ANOS

A patronal galega busca un presidente desde xaneiro de 2018, cando dimitiu o coruñés Antón Arias tras un mandato bloqueado polos conflitos internos, do mesmo xeito que lle ocorreu con anterioridade ao ourensán Antón Dieter Moure. Despois de dúas convocatorias desertas e unha terceira que tivo que aprazarse debido á pandemia de coronavirus, o pasado novembro disputáronse a presidencia da organización o vigués Pedro Rey e o ourensán José Manuel Barreiros.

Quedou proclamado Barreiros tras retirarse Rey cinco minutos antes da asemblea que ía a sustanciar os comicios, pero durou apenas 48 horas á fronte da institución, debido ás críticas que puxeron en dúbida a legalidade do proceso.

Ao transcender a vontade da confederación luguesa de presentar a Vieites como aspirante, despois de soar xa en anteriores procesos electorais, fontes da CEG reivindicaron a "boa imaxe" do responsable de Anfaco como xestor. Ante a ausencia de rexeitamento por parte do catro provincias e das organizacións sectoriais, as mesmas fontes indicaron que é previsible que non haxa ningún outro candidato.

"VOTO DE CONFIANZA"

Organizacións sectoriais que nas últimas eleccións da patronal galega mostráronse críticas con como se desenvolveu o proceso apostan agora por darlle o seu "voto de confianza" ao presidente de Anfaco, Juan Vieites.

Coincidindo coa presentación de candidatura mantiveron unha reunión representantes de organizacións sectoriais que, a finais de novembro, provocaron coas súas demandas de información que o recentemente elixido presidente, o ourensán José Manuel Barreiros, abandonase o cargo apenas dous días despois de saír elixido por aclamación.

Segundo fontes consultadas, quen discrepa co movemento de Jaime López, responsable da patronal luguesa e principal impulsor a nivel mediático da candidatura de Vieites, é o presidente da confederación da Coruña, Antonio Fontenla, quen estivo á fronte da CEG durante 12 anos e exerceu como portavoz durante os últimos tres debido á situación de interinidade da organización.

En calquera caso, dado o previsible apoio de Lugo, Pontevedra, Ourense e a maior parte das organizacións sectoriais a Vieites, as mesmas fontes apuntan a que Fontenla "dubida entre a abstención e votar en contra".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta