Por Galicia Confidencial | Vigo | 04/07/2013 | Actualizada ás 19:42
Un milleiro de traballadores do sector naval vigués, lonxe de aceptar pasivamente a decisión da UE que pon en perigo o sector ao esixir a devolución das axudas do tax-lease, voltaron a saír á rúa este mércores 3 de xullo, realizando paros nos estaleiros e concentrándose diante das oficinas comunitarias que a axencia de control de pesca ten na cidade olívica.
As diferentes columnas obreiras que desde primeiras horas da mañá se concentraban diante dos estaleiros de Teis e Bouzas percorreron as rúas da cidade en manifestación até confluiren diante das dependencias que a UE posúe en Vigo, nas cales ten a súa sede a Axencia de Control de Pesca. Unha vez alí, os representantes dos sindicatos convocantes dos paros dirixíanse aos asistentes para informar da situación na que se atopa a loita contra a decisión por parte da Comisión de Competencia da UE, dirixida polo militante do PSOE Joaquín Almunia, de obrigar á devolución de boa parte das axudas concedidas á construción naval co antigo sistema da tax-lease.
Incidentes en Vigo
Segundo informan varios medios olívicos, os asalariados lanzaron pintura e pezas de metal contra a sede pública. Queimáronse ademais varios contenedores de lixo.
Esta medida suporía a devolución de máis de 1.700 millóns de euros correspondentes ao sector naval galego, dos 2.800 totais do Estado. César Rodríguez, secretario nacional do sector naval na CIG-Metal, incidiu na necesidade de “reverter un proceso que pode significar a morte económica da comarca de Vigo”, contaxiando outros sectores como o comercio ou servizos, e para a cal sería necesario mesmo “unha folga comarcal na que UGT e CCOO non acreditan”.
Alén disto, informou de que os sindicatos levarán a cabo unha campaña de sensibilización entre o pobo de Vigo sobre as consecuencias deste medida política da UE.
A semana vindeira, os sindicatos de Vigo convocan a unha manifestación o próximo xoves 11 de xullo ás 20h desde a praza de España na que pretenden realizar unha demostración de forza de cara á rectificación nas pretensións da comisión europea da compentencia.
Cruce de acusacións
A nivel político, prosegue o 'pim-pam-pum' entre os partidos galegos para botarse a culpa da previsible resolución contraria aos intreses de Galicia. O BNG reclama ao Estado a insumisión ao decidido por Bruxelas "sexas cal sexan as consecuencias". É dicir, que España se negue a devolver os descontos fiscais se o ordea Bruxelas. O acalde de Vigo, Abel Caballero, asegura que foi a presión viguesa a que logrou que o dirixente do PSOE estea a reconsiderar a súa proposta.
A patronal ASIME aínda garda esperanzas de que Almunia recúe antes de tomar unha deción o próximo xoves 11.
En Ferrol, varios milleiros de traballadores de Navantia Ferro e Fene tamén piden o mantemento do "tax lease". Os operarios de Navantia aseguran tamén que a carga de traballo esgotarase despois do verán e que non hai noticias sobre o prometido flotel para PEMEX.
Feijóo deu a entender hoxe que os floteles -a Xunta prometeu outro para Barreras en Vigo- non están asegurados se cómpre devolver o tax lease. O presidente da Xunta reclamoulle a Almunia que "atenda as razóns" e propoña unha "solución intelixente" para que poida chegar novos encargos a Galicia. O mandatario tamén se mostrou crítico coas mobilizacións porque "o ruido no sector naval non beneficia aos contratos, está en tela de xuízo todo o sistema.
Hoxe tamén houbo mobilizacións en Cantabria, Andalucía e Murcia polo Tax Lease. En Euskadi, ademais de protestas, acordouse unha fronte común entre empresarios, sindicatos e Goberno.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.