Non é presentable

Non é presentable que despois de Kant e a Ilustración, despois das constitucións e de tanta xente morta por defender ideais de tolerancia e de democracia, a relixión (berce de case que todas as intrasixencias) siga tendo o protagonismo e a influenza que aínda ten no conxunto das cousas (malas) que pasan no mundo.

Por Francisco Castro | Vigo | 09/07/2013

Comparte esta noticia
Non é presentable que boa parte dos conflitos, nos que morre aquela xente que polo xeral non os provoca, teñan como base a relixión, é dicir, unha fe (sexa a confesión que sexa), que se considera dona e en posesión da verdade absoluta e que, por suposto, que sentencia que o resto da humanidade está trabucada, o que implica que todos os que non obedecemos ese catecismo somos infieis, pecadores e, por suposto, xente que hai que redimir ou, incluso, individuos que non temos dereito á vida. Por ateos.
 
En moitos deses casos, postúlase que a aniquilaciôn do non crente, é agradable aos ollos de Deus.
 
Algo así, non é presentable a día de hoxe.
 
Non é presentable que os bispos (que teñen todo o dereito a opinar do que lles pete, pero sempre dentro da igrexa e diante dos seus seguidores) entendan que están lexitimados para dicirnos ao resto, aos que non comungamos (nunca mellor dito) con eles e os seus dogmas, que debemos facer, como debemos pensar, como foder, se abortar, casarnos, divorciarnos ou o que sexa. Aínda admitindo (que é moito admitir) que o seu desexo último é salvarnos da condea eterna, os que non temos intención de que nos salven eles, queremos dicir ben alto que temos dereito a nos trabucar. Non é presentable que Rouco Varela siga mandando tanto como manda. Non é presentable, non.
 
Inmanuel Kant, a quen citei ao principio deste artigo, dicía que no século XVIII, o Século das Luces e da Deusa Razón, a humanidade chegara por fin á maioría de idade. E por tal concepto entendía que a humanidade estaba nun punto no que xa non necesitaba seguir ordes de ningunha clase, senón que, pola súa madurez, xa podía sentirse libre e actuar en consecuencia a ese novo status adulto de racionalidade. Tantos anos despois, séculos, de feito, a relixión (a de aquí e a de acolá) sigue sen asumir que somos maiores de idade, que sabemos vestirnos soíños, que non necesitamos papas, mulás nin líderes carismáticos de ningunha clase que estean en contacto con divinidade ningunha. Que non o entendan e que sigan igual como se nada, non é presentable.
E non é presentable que sigan existindo conflitos relixiosos. Non é presentable que a relixión se siga estudando nos colexios. Non é presentable que haxa países onde a autoridade relixiosa está por enriba da civil. Non é presentable que nalgúns lugar do mundo as mulleres estean discriminadas por motivos relixiosos.
 
Por Deus que non é presentable.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro