Feijóo pide "un xesto" ao Goberno fronte á subida da luz pero non ás eléctricas

Incide nas "contradicións" de Sánchez: "Non hai ningunha declaración súa como xefe da oposición que non estea contradecida como presidente".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2021 | Actualizada ás 17:23

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu que procedería "un xesto" do Goberno central para frear a subida do prezo da enerxía eléctrica nun contexto marcado polas dificultades engadidas que provoca a pandemia. "Sería bo facer un esforzo", dixo ao tempo que calou fronte ao despropósito das grandes compañías eléctricas que manexan o mercado da luz.

A preguntas dos medios na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o presidente galego remarcou que "o que é evidente" é que "hai gobernos europeos que fixeron un axuste e financiaron parte do incremento do prezo da luz, cunha demanda exponencial que se produciu estes días".

A continuación, subliñou que España vive un contexto no que a pandemia golpeou a determinados sectores económicos e no que hai "moitas persoas" en situación de vulnerabilidade, polo que se mostrou convencido de que, "se hai un momento no hai que ser especialmente sensibles cos prezos de determinados servizos, é este".  "Creo eu que sería razoable facer esa limitación no incremento do prezo da luz", aseverou.

Neste escenario, Feijóo fixo fincapé nas "contradicións" no discurso de Pedro Sánchez como secretario xeral do PSOE, cando estaba na oposición, e os seus actos como presidente do Executivo central. "Non hai ningunha declaración de Sánchez como xefe da oposición que non estea contradecida como presidente", dixo, para engadir que, dada esta situación, non ve "moi sorprendente" o que ocorre co prezo da luz. Curiosamente, e cando gobernaba Rajoy, tampouco desde o PP se lle pediu ás grandes compañías eléctricas que rebaixaran ou regularan o prezo da electricidade.

Feijóo tras o Consello da Xunta.. Xunta de Galicia
Feijóo tras o Consello da Xunta.. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta