As UCIs comezan a saturarse: traslados de pacientes de Ferrol a Lugo pola presión hospitalaria

Na Coruña hai 164 pacientes hospitalizados, 26 en estado crítico e en Ferrol hai 86, sete máis que hai un día, deles 9 en UCI. O Sergas di que os traslados se fan "para deixar marxe nos espazos de críticos do CHUF para o posible empeoramento dos pacientes".

Por Galicia Confidencial | Ferrol | 16/01/2021 | Actualizada ás 19:12

Comparte esta noticia

O Sergas comezou a trasladar pacientes das UCI do Hospital de Ferrol ao Lucus Augusti de Lugo polo gran aumento da presión hospitalaria do primeiro centro. Unha posibilidade que xa adiantou o pasado xoves o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Respiradores ou equipos de Respiración instalados nas UCIS para facer fronte ao coronavirus
Respiradores ou equipos de Respiración instalados nas UCIS para facer fronte ao coronavirus | Fonte: EFE

Segundo fontes sanitarias consultadas por GC, son dous os pacientes que serán trasladados a Lugo polo gran incremento de casos que houbo nas últimas horas nesta área sanitaria. O Sergas confirmou estes traslados e dixo que se fan para que haxa UCIs suficientes para atender incrementos na presión asistencial.

"Este traslado realízase co obxectivo de deixar marxe nos espazos de críticos do CHUF para o posible empeoramento dos pacientes xa hospitalizados ou a hospitalización neste ámbito de novos pacientes", apuntan fontes do Sergas consultadas. "Este protocolo de colaboración entre centros sanitarios Sergas xa estaba contemplado no Plan de Continxencia en relación coa Covid, en caso de ser necesario", engaden.

De feito, o propio Feijóo suliñaba na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta que había unha presión asistencial "importante" na Coruña, e argumentaba que, antes de proceder a activar hospitais de campaña, optaríase por facer "unha redistribución" coa UCI de hospitais "máis modernos" como os de Lugo e Vigo.

SATURACIÓNS NAS UCI

Precisamente, o distrito coruñés mantense este sábado, un día máis, como a área con máis ingresados con covid-19 e suma outros 14 máis que elevan a 164 os pacientes hospitalizados, 26 en críticos (-1). Tamén en Ferrol, despois de ser o único distrito no que non subiran os hospitalizados na xornada do xoves, repuntaron os ingresados ata os 86 (+7), 9 na UCI (+3).

Esta mesma semana o xefe da UCI do CHUAC, David Freire, advertía que a situación é "case peor" a vivida en marzo, no comezo da pandemia e cando os hospitais galegos comezaron a colapsar. "Todos os días ingresan pacientes novos na UCI, e ás veces, dous, tres e ata catro. En ocasión, e de xeito máis frecuente que na primeira onda, son pacientes máis novos e algúns sen patoloxías previas", aseguraba. "Estamos vivindo unha situación crítica, similar, senon peor a marzo", indicaba..

A XUNTA CONFIRMA A PRESIÓN

De feito,responsables sanitarios galegos comezaron esta semana a suspender algunhas operacións non urxentes pola presión hospitalaria derivada da covid-19, co obxectivo de deixar camas libres para posibles ingresos.

En concreto, fontes sanitarias confirmaron que xa se suspenderon algunhas intervencións no Hospital da Coruña, Ferrol e Santigo e que, dependendo que como evolucionen as cifras, é posible que nas próximas semanas haxa que aprazar novas operacións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta