‘Entroido Musical’, unha iniciativa do Conservatorio de Verín

Unha iniciativa que nace para incentivar os estudos musicais e ao mesmo tempo participar da tradición do Entroido.

Por X.M. Fernández | Verín | 20/01/2021 | Actualizada ás 10:35

Comparte esta noticia

O Concello de Verín vén de anunciar que o 11 de febreiro, ás 20:00 h., o Conservatorio Profesional de Música da localidade organizará a primeira edición do concurso “Entroido Musical”.

Praza do Cigarrón en Verín
Praza do Cigarrón en Verín | Fonte: GC

Segundo se contempla nas bases poderán participar os estudantes matriculados no devandito conservatorio, en calquera especialidade, e o concurso consistirá nunha única proba, agás que haxa moitas inscricións suposto no que se realizaría unha preselección.

Os participantes deberán ir disfrazados, podendo estar baseados na temática da obra interpretada ou relacionados con elementos tradicionais do Entroido de Verín como o famoso Cigarrón. Prégase non empregar nos disfraces elementos que poidan prexudicar aos instrumentos e haberá que levar máscara cirúrxica. O prazo para inscribirse remata o 29 de xaneiro.

PREMIOS E DESENVOLVEMENTO

Establécense 3 premios que consisten noutros tantos vales académicos por importe de 50 euros, concedidos ao mellor disfrace, á mellor musicalidade e á mellor interpretación.

Cartel da iniciativa 'Entroido Musical'. Deseño: Concello de Verín.
Cartel da iniciativa 'Entroido Musical'. Deseño: Concello de Verín.

O desenvolvemento deste I Concurso “Entroido Musical” será previsiblemente sen público dada a  situación sanitaria motivada pola COVID-19.

O concurso poderá ser gravado e difundido mediante calquera medio audiovisual relacionado co CMUS Profesional de Verín, e levarase a cabo no Auditorio Municipal con estrito cumprimento do protocolo de seguridade sanitaria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta