O PSdeG cualifica de ridícula a axuda da Xunta a hostalaría e pide un pacto con PP e BNG en apoio ao sector

"Non podemos seguir 'racaneando'", insistiu o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, nin consentindo que estes sectores "paguen as facturas" da situación que vive o país.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2021 | Actualizada ás 15:53

Comparte esta noticia

O PSdeG pediu aos grupos parlamentarios do PP e do BNG chegar a "un gran pacto" para impulsar un rescate do sector da hostalaría e do turismo en Galicia, ante unha dotación de axudas por parte do Goberno galego que son "insuficientes" para atallar a crise que afrontan estas empresas e os meses que están por vir.

O secretario xeral do partido, Gonzalo Caballero, reuniuse este xoves co presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e outros membros desta entidade, a quen trasladou a "vontade" dos socialistas galegos para reclamar que se concedan todas as axudas posibles aos sectores máis afectados polas restricións pola COVID-19.

Caballero apelou á necesidade de darlle "todo o apoio" e a "axuda necesaria" ao sector e censurou a cantidade "ridícula" disposta polo Goberno galego para dar axudas directas a autónomos e microempresas, a pesar de contar con 1.100 millóns de euros inxectados por parte do Goberno central e de fondos europeos.

"Non podemos seguir 'racaneando'", insistiu, nin consentindo que estes sectores "paguen as facturas" da situación que vive o país. Por iso, reclamou un reforzo de 62 millóns de euros máis con este fin a cargo dos orzamentos do Goberno galego para este ano, advertindo que ata agora as axudas anunciadas suporían unha media de 1.000 euros por negocio desde o inicio da pandemia.

Por todo iso, Caballero insiste na importancia de alcanzar un "gran pacto" polo sector turístico que permita afrontar "un semestre negro" que queda por diante e ante unhas medidas e restricións que supoñen "un peche encuberto" para miles de negocios.

REUNIÓNS COA XUNTA

Cesáreo Pardal, pola súa banda, advertiu de que as axudas son "insuficientes" para un sector no que están en risco "30.000 postos de traballo" e aínda que agradecen a "vontade" transmitida polos representantes políticos, ao final "de pouco valen as palabras".

Por iso, desde o Clúster solicitan unha reunión co catro deputacións provinciais, a Fegamp e a Xunta para tentar que "esa vontade se traslade en diñeiro directo" ás contas correntes dos negocios. "Porque se non imos morrer, pero a morrer de fame".

Así mesmo, avanzou que este venres se reunirán coa Xunta para abordar a situación na que se atopa o sector e as medidas de apoio. Pardal insistiu na necesidade de inxectar fondos para poder manter o tecido empresarial turístico e para afrontar unha situación "caótica", na que ademais teñen que asumir o pago de impostos "sen condonación nin adiamentos".

O presidente do Clúster de Turismo, Cesáreo Pardal, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. PSDEG
O presidente do Clúster de Turismo, Cesáreo Pardal, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta