Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/07/2025 | Actualizada ás 19:48
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denunciou ante a Defensora do Pobo Europeo, Teresa Anjinho, o "continuo boicot" na Comisión de Peticións da Eurocámara para impedir que se trate a denuncia da plataforma Ulloa Viva contra a fábrica que a multinacional lusa Altri quere instalar en Palas de Rei.
Ademais, tamén denunciou as "dificultades impostas" pola Comisión Europea para o acceso a documentación sobre temas que "afecten directamente as galegas e galegos".
"Esa denuncia está a ser boicoteada sistematicamente polo grupo do PP e polos grupos de extrema dereita", criticou Miranda, que considerou que este "boicot" vulnera o dereito de acceso ás peticións e ás denuncias da cidadanía.
Así mesmo, segundo trasladou o BNG nunha nota de prensa, a eurodeputada galega tamén comunicou a Anjinho que a Comisión Europea "está a impedir o acceso á documentación relacionada con procedementos de infracción abertos pola ampliación da concesión da AP-9, Ence e outros proxectos estratéxicos como a mina de Doade", tal e como, apuntou, "ocorreu antes co accidente do Alvia".
"Queremos saber as causas deses procedementos de infracción e non nos permiten o acceso aos documentos", censurou a eurodeputada do Bloque.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.