O penultimo rescate de Merkel

No caso Barcenas repítese o guión que temos contemplado noutras ocasións.Cando se formularon as primeiras acusacións, os dirixentes do partido saíron rapidamente en defensa do encausado, reclamando a súa inocencia e insinuando que se trataba dunha conspiración organizada polos adversarios políticos e/ou xudiciais.

Por Xesús Veiga | Compostela | 16/07/2013

Comparte esta noticia
Agora, cando o propio ex –tesoureiro recoñece a existencia dunha contabilidade B onde figuran pagos a Rajoy e a outros persoeiros do PP, o argumento exculpatorio muda significativamente:Barcenas é un presunto delincuente mentirán que non ten credibilidade.Antes era un santo varón e agora é un canalla desvergonzado.
 
Hai outra parte do discurso defensivo que xa resulta aburrido por reiterativo:mentres non se demostre a comisión dun ilícito penal non se asumen responsabilidades políticas.Mais aínda:nin sequera se comparece no Parlamento para dar explicacións.Na lóxica do PP –que tamén utilizaron moitas veces algúns dirixentes do Partido Socialista- a política perde autonomía como espazo democrático e fica subordinada aos procedementos e resolucións xudiciais.E logo pasa o que pasa:o exemplo do Prestige resulta paradigmático.Mais de dez anos para substanciar a causa contra os responsábeis daquela desfeita e a constancia explícita –formulada por parte do propio maxistrado- de que non estiveron sentados no banco dos acusados todos os causantes da catástrofe.O que se busca no expediente Barcenas é algo semellante:que pase o tempo, que os delitos prescriban e que os culpábeis fiquen reducidos á mínima expresión.
 
Os dirixentes do PP non deberían desprezar a gravidade específica dos acontecementos rexistrados nos últimos días:Barcenas entregou os papeis orixinais do que semella ser a contabilidade B do partido ao director de El Mundo sabendo o que iso significa.Pedro J. Ramirez non actúa sen calcular previamente as consecuencias políticas das súas iniciativas mediáticas.Dende hai anos exhibe unha evidente falta de empatía con Mariano Rajoy e agora, talvez, considera chegado o momento das apostas fortes en favor dunha crise gobernamental que supoña o punto final para o inquilino da Moncloa.Ademais dun insoportábel episodio de corrupción, estamos ante as primeiras batallas polo control interno do partido da gaivota ante as reiteradas análises demoscópicas que anuncian un desgaste electoral dificilmente reversíbel.
 
Como a equipa de Rajoy non é sensíbel ás razóns inspiradas na ética ou nos valores democráticos que deberían presidir o comportamento da elite política, será necesario apelar a outras consideracións directamente vinculadas ao papel que expresamente teñen asumido.Se aceitan o estatus de protectorado alemán cando executan as políticas económicas previamente deseñadas, deberían, alomenos, ser consecuentes coas regras non escritas que rexen no universo da señora Merkel.Se un ministro da RFA dimitiu por copiar unha tese de doutoramento, qué cabe esixir ao presidente dun partido irmán que depositou a súa confianza durante moitos anos nun individuo ao que agora caracteriza como delincuente contumaz?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.