A oposición critica que Feijóo "chega tarde" e pídelle que deixe de estar de "brazos cruzados"

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, criticou a falta de "altura de miras" da oposición. Gonzalo Caballero empreza á Xunta a "tomar todas as decisións que sexan necesarias".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2021 | Actualizada ás 13:21

Comparte esta noticia

Os líderes dos dous principais partidos da oposición, Ana Pontón, do BNG, e Gonzalo Caballero, do PSdeG, coincidiron este luns en reclamarlle máis firmeza a Feijóo nas medidas contra a terceira onda e criticaron que non estea a facer nada.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa

Así, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a "deixar de ir por detrás do virus" e "anticiparse" e emprazoulle a propor o confinamento para cortar a cadea de contaxios. Nunha rolda de prensa ofrecida no Parlamento de Galicia antes de que o máximo mandatario autonómico anuncie as novas medidas para facer fronte á covid-19, Pontón considerou que Feijóo "está a reaccionar tarde" e con decisións que "non están a funcionar para frear os contagios".

Neste contexto, a líder dos nacionalistas galegos urxe a Feijóo a pór sobre a mesa un confinamento domiciliario de dúas semanas que corte de raíz a "dramática cadea de contaxios", que se traduce en máis falecidos, máis hospitalizados e máis ingresos en UCI.

"Os responsables da xestión directa da crise non se anticipan senón que van por detrás do virus con cifras intolerables en termos de saúde ante as que é necesario reaccionar adoptando unha medida que demostrou a súa eficacia para cortar a expansión da pandemia", explicou Pontón, que incidiu en que "esta medida é o confinamento domiciliario de dúas semanas ampliables".

"BRAZOS CRUZADOS"

Tamén o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a deixar de "estar cos brazos cruzados" fronte ao avance da covid-19 e protexer aos máis débiles fronte á pandemia.

"Non podemos deixar á Xunta cos brazos cruzados", manifestou nunha rolda de prensa ofrecida este luns na Cámara galega antes de que o máximo mandatario autonómico anuncie as novas restricións para frear a evolución do virus na Comunidade. Na súa intervención, o xefe de filas dos socialistas galegos sostivo que o Goberno galego "ten que protexer aos maiores que están nas residencias "porque cada día hai contaxios masivos" nestes centros, como os últimos rexistrados en Leiro, Sarria e Tui.

"Cambiou o equipo da Consellería de Política Social pero se ten que cambiar á conselleira teno que facer xa. Non podemos seguir vendo cada día que hai residencias con contaxios masivos", incidiu. Así mesmo, considerou necesario defender á poboación máis vulnerable como os pacientes ingresados no Hospital Psiquiátrico de Conxo, no que se rexistrou un brote cunhas 36 persoas afectadas entre usuarios. Tamén reclamou mecanismos de conciliación para as familias con alumnos que non poden estar polas aulas por estar confinados e lembrou que, na actualidade, os contaxios en centros educativos superan os 2.000.

A HOSTALARÍA, "CABEZA DE TURCO"

Na súa intervención, Pontón tamén afirmou que a expansión do virus "non é responsabilidade do sector hostaleiro que se está usando como cabeza de turco simplemente para facer que se fai", "nin tampouco vai de debates estériles ao redor do toque de queda".

PPdeG PIDE SUMAR FORZAS

O secretario xeral do PPdeG e viceportavoz do Grupo Popular na Cámara galega, Miguel Tellado, criticou que o BNG e o PSdeG "non arrimen o ombro" en pandemia e apoien as contas para 2021, que serán aprobadas "apenas catro meses despois da toma de posesión do novo Goberno galego".

Nunha rolda de prensa ofrecida este luns na Cámara galega, Tellado criticou que os grupos da oposición "non sexan capaces de facer un exercicio de altura de miras e que, nin sequera neste tempo de pandemia, arrimen o ombreiro", "facendo unha oposición construtiva e colaborativa".

Tellado afirmou que os orzamentos da Xunta "están dirixidos principalmente a facer fronte ás necesidades derivadas da pandemia sanitaria e pór en marcha proxectos de futuro para a recuperación económica e social". "A estabilidade política da que gozamos en Galicia permítenos sacar adiante estas contas pouco máis de catro meses despois de que o novo Goberno galego tomase posesión", subliñou.

O dirixente do PP sostivo que se trata dos orzamentos máis altos da historia de Galicia, con máis gasto social e con maior esforzo investidor para reactivar Galicia e dar resposta aos retos da Comunidade galega afronta neste momento de pandemia sanitaria.

"A pesar deste esforzo investidor por parte do Goberno galego, os grupos da oposición vanse opor a estes orzamentos, dando as costas ás necesidades dos galegos", lamentou o viceportavoz popular. Entre as cuestións que recollen os orzamentos da Xunta, Tellado destacou que os intereses da débeda baixan por primeira vez en 25 anos de 100 millóns, polo que "cada galego debe 2.000 euros menos que a media de calquera español".

"Non soben un só euro os impostos, o que supón un aforro fiscal de 472 millóns que quedan no peto dos galegos; consolidan as rebaixas fiscais, tanto no IRPF, como no imposto ed sucesións, a estratexia impostos cero no rural, ou os incentivos á natalidade", indicou. "Pero, por encima de todo, son nos orzamentos sociais, nos que catro de cada cinco euros van á sanidade, educación, política social e emprego", sinalou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta