Trasladadas as medidas da Xunta sobre reto demográfico á Comisión Europea incluída a nova lei

O presidente da Xunta trasladoulles aos representantes da CE que teñan en conta as peculiaridades de cada rexión no momento de repartir fondos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/01/2021 | Actualizada ás 14:33

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou á vicepresidenta para a Democracia e a Demografía da Comisión Europea, Dubravka Suica, as medidas impulsadas desde Galicia en materia de impulso demográfico, entre as que está a nova lei. Fíxoo durante unha reunión por videoconferencia mantida este martes coa mandataria europea, da que informou a Xunta nun comunicado e na que tamén participou a conselleira de Política Social, Fabiola García.

Segundo sinalou a Xunta, no encontro telemático, Dubravka Suica agradeceu a implicación de Galicia nestas políticas; mentres que o presidente galego destacou que a nova lei, que se aproba definitivamente este martes no Parlamento de Galicia, ten unha grna importancia tanto "a nivel simbólico como normativo".

Neste sentido, concretou que converte a Galicia na primeira comunidade autónoma de España en elevar a cuestión demográfica a rango de lei; e, doutra banda, consolida e blinda medidas que se foron introducindo nos últimos anos e dá amparo legal a novas iniciativas.

Así mesmo, sinalou que este texto normativo aborda o reto demográfico desde unha perspectiva transversal. Deste xeito, nel, conforme apuntou a Xunta, inclúense medidas de apoio ás familias, facilidades para a conciliación, para o equilibrio territorial, políticas para a mocidade, para o fomento do retorno e para a captación de nova poboación, así como accións para un envellecemento activo. Ademais, tamén informou á vicepresidenta da Comisión Europea das medidas postas en marcha na nosa Comunidade nesta materia.

En concreto, Feijóo puxo como exemplo as casas niño, nas que se investiron xa máis de 8,5 millóns para pór en marcha 78 centros; a Tarxeta Benvida, que concedeu axudas a máis de 66.600 familias para a crianza dos nenos durante os seus primeiros anos e que xa totaliza un investimento de máis de 91 millóns; ou a gratuidade das escolas infantís para segundos fillos e sucesivos, que beneficia xa a 14.000 familias cun investimento de 14 millóns.

FONDOS SEGUNDO AS CONDICIÓNS DEMOGRÁFICAS

Na reunión, ademais, Feijóo insistiu na necesidade de que as institucións comunitarias teñan en conta, á hora de asignar os fondos, as condicións demográficas de cada rexión europea (como o envellecemento ou a dispersión) e as medidas que se están levando a cabo para afrontar este desafío.

O presidente da Xunta avanzou tamén que enviará á Vicepresidencia para a Democracia e a Demografía da Comisión Europea un informe sobre as principais políticas demográficas que puxo en marcha Galicia durante os últimos anos.

Pola súa banda, conforme indicou a Administración autonómica, a vicepresidenta da Comisión Europea trasladou a súa vontade de coñecer os proxectos de Galicia para afrontar o reto demográfico e a loita contra o despoboamento e pediu que se lle trasladasen ás institucións europeas a través do Goberno central. A este respecto, a Xunta lembrou que, no mes de decembro, remitiu ao Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico as súas manifestacións de interese.

O Presidente Da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, E A Conselleira De Política Social, Fabiola García, Reúnense De Forma Telemática Coa Vicepresidenta Para A Democracia E A Demografía Da Comisión Europea, Dubravka Suica. XUNTA
O Presidente Da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, E A Conselleira De Política Social, Fabiola García, Reúnense De Forma Telemática Coa Vicepresidenta Para A Democracia E A Demografía Da Comisión Europea, Dubravka Suica. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta