Representantes dos tres grupos parlamentarios defenderán no Congreso a lei galega para o traspaso da AP-9

Existía un veto do Goberno de Mariano Rajoy a esta iniciativa, levantado polo novo Goberno do PSOE, tras a investidura de Pedro Sánchez en 2018, que permitiu o seu debate ante o pleno en decembro dese ano.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/01/2021 | Actualizada ás 20:47

Comparte esta noticia

Os líderes de BNG, Ana Pontón, PSdeG, Gonzalo Caballero, así como o deputado popular e vicepresidente primeiro da Cámara autonómica, Diego Calvo, serán os encargados de defender no Congreso o vindeiro martes a proposición de lei do Parlamento de Galicia que busca traspasar a esta Comunidade Autónoma a titularidade e as competencias da Autoestrada do Atlántico (AP-9).

Así quedou ratificado na tarde deste martes no pleno da Cámara autonómica. Como suplentes, o PP rexistrou o nome da deputada Marta Novoa; o PSdeG a Pablo Arangüena; e o BNG, a Luís Bará. Segundo a orde do día acordado este luns pola Xunta de Portavoces da Cámara Baixa, a proposición de lei galega someterase o martes 2 de febreiro ao seu debate e votación de admisión a trámite, o seu primeiro exame no Congreso.

Existía un veto do Goberno de Mariano Rajoy a esta iniciativa, levantado polo novo Goberno do PSOE, tras a investidura de Pedro Sánchez en 2018, que permitiu o seu debate ante o pleno en decembro dese ano. Nesa votación, a iniciativa obtivo o apoio de todas as formacións do Congreso, fóra de Cs, que optou por absterse.Con todo, a disolución anticipada das Cortes Xerais, pola convocatoria anticipada de eleccións apenas uns meses despois deu ao traste coa súa tramitación.

TRASPASO

Concretamente, a iniciativa establece a transferencia a Galicia da titularidade e as competencias sobre o réxime de concesión, e as funcións e servizos exercidos ata agora pola Administración Xeral do Estado.

Pola súa banda, o Estado, segundo o texto aprobado polo Parlamento galego, "conservará ao seu cargo, respecto da sociedade concesionaria da autoestrada, as obrigacións con repercusións económicas e financeiras derivadas da aplicación da concesión en vigor que fosen motivadas por modificacións adoptadas no período en que tivo a competencia".

O traspaso, que se realizará no momento en que teña efectividade a transferencia dos medios materiais e orzamentarios necesarios, a través do acordo da Comisión Mixta de Transferencias Estado-Xunta de Galicia e o correspondente decreto, "non suporá incremento algún dos créditos nin minoración de ingresos previstos nos Orzamentos en vigor".

"ESPECIALMENTE RELEVANTE" PARA O BNG

O BNG emitiu un comunicado no que subliña que este debate será "especialmente relevante" para a súa formación e lembrou que, na primeira toma de consideración, quedara "excluído" do debate no Congreso "a pesar de ser o grupo que propuña a proposición de lei". Nel si participaran representantes de PP, PSOE e En Marea.

Pero agora, remarca que o contexto é "moi diferente", xa que o Bloque --reivindica-- "converteuse na primeira forza da oposición", o que permitirá á formación que lidera Pontón ter "voz directa" neste debate.

Autopista AP9 Chapela cara a Vigo
Autopista AP9 Chapela cara a Vigo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta