Caballero a Feijóo tras os ataques a Sánchez: "Póñase a gobernar e protexa á xente"

O líder do PSdeG afea ao presidente o "fracaso" da súa "estratexia de salvar o Nadal".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2021 | Actualizada ás 12:01

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, manifestou o seu rexeitamento este mércores á estratexia política de "confrontación" e despois dunha intervención do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, moi centrada en atacar ao Executivo que dirixe Pedro Sánchez, lanzoulle unha mensaxe: "Póñase a gobernar e protexa á xente".

No pleno do Parlamento, Caballero cargou contra a "política do anuncio continuo" do mandatario galego, a quen lle gusta, dixo, "porse as medallas cando as cousas van ben", pero despois pon o foco na actuación doutras administracións, sobre todo do Goberno. Por iso, instoulle a centrarse en "gobernar" Galicia e "tomar as decisións" que necesitan os cidadáns.

Non en balde, Caballero alertou de que Galicia está "nunha situación extrema", cunha "crecente" presión asistencial e a UCI "en números máximos de ocupación". E remarcou que os socialistas teñen "a man tendida" para que se adopten as medidas precisas, que "respecta" as restricións cando son necesarias, pero tamén afeou a Feijóo de que a súa "estratexia de salvar o Nadal fracasou".

"Fallou de arriba abaixo", subliñou, aínda que advertiu que os socialistas non pretenden "xogar a ser os capitáns a posteriori", como, dixo, "fixo o PP no Congreso" en ocasións. Tamén lle botou en cara o escaso tempo co que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou as últimas restricións (apenas dúas horas antes da súa entrada en vigor) e insistiu en que estas medidas se podían tomar "hai 20 días".

"BAIXE DO PEDESTAL" PORQUE "TEN As COMPETENCIAS"

Neste sentido, recalcou que Feijóo debe "baixar do pedestal" e lembroulle que ten "todas as competencias" no marco do Estado de Alarma decretado no ámbito estatal. E reivindicou que medidas como o peche da hostalaría deben ir acompañadas das correspondentes axudas.

Finalmente, afeou que o presidente semente "dúbidas" sobre o plan de vacinación e instoulle a recoñecer o papel do Executivo central á hora de conseguir dose para o país.

Gonzalo Caballero (PSdeG) no Parlamento.. PARLAMENTO DE GALICIA
Gonzalo Caballero (PSdeG) no Parlamento.. PARLAMENTO DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta