Un xuízo por agresión sexual na Coruña foi suspendido por incomparecencia do letrado da vítima

A Fiscalía pide para o acusado 9 anos de prisión, así como unha indemnización de 18.000 euros para a vítima.

Por E.P. | A CORUÑA | 02/02/2021 | Actualizada ás 13:04

Comparte esta noticia

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña suspendeu ata o 2 de marzo un xuízo por agresión sexual debido á incomparecencia do letrado que representa á vítima e que exerce a acusación particular, segundo informaron fontes xudiciais.

O acusado, para o que a Fiscalía pedía nove anos e seis meses de prisión, está procesado por, presuntamente, agredir á que era a súa parella en 2014 na casa que ambos compartían en Santiago de Compostela.

Segundo o escrito de cualificación de Fiscalía, tras manter unha discusión no dormitorio coa muller, "empuxouna contra a cama, volteouna e, mentres lle suxeitaba os brazos, para evitar que ela se movese, penetrouna".

O Ministerio Público asegura no escrito que a vítima sufriu varias lesións físicas que tardaron en curar oito días e, como secuelas, ten unha cicatriz de 3,5 centímetros na rexión perianal. Ademais, engade que padeceu trastorno por tensión postraumática.

Dous días despois dos feitos, o xuíz de Instrución número 3 de Santiago de Compostela ditou como medida cautelar, que se mantén actualmente, a prohibición de que o home se achegue a menos de 500 metros da muller. A Fiscalía, ademais de prisión, pide que se manteña esta medida durante 10 anos e seis meses e unha indemnización de 18.000 euros.

Audiencia Provincial da Coruña.
Audiencia Provincial da Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta