Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/02/2021 | Actualizada ás 12:33
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este luns a nova campaña bianual 2021-2022 de Turismo Rías Baixas, cunha estratexia "realista" adaptada a cada momento segundo a evolución das posibilidades de viaxar.
Nun acto de presentación desenvolto este luns de maneira telemática desde o Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, Carmela Silva sinalou que se trata dun "momento incerto". "Pero non nos imos a deter", incidiu, e por iso deseñaron unha campaña de promoción turística que "será diferente, reformulada e adaptada pero mantendo os valores e acenos de identidade do noso destino", abundou.
Unha campaña que definiu como "viva, fresca, divertida, desenfadada, áxil, flexible, positiva e real" que terá tres fases diferenciadas cun calendario flexible e "un fío condutor que apela aos recordos, á memoria sensorial, ao emocional, pondo en contacto ás persoas visitantes máis fieis, creando comunidade", dixo Carmela Silva.
A primeira fase denomínase 'Momentos Rías Baixas' e estará vixente ata o levantamento das restricións. "Non nos queremos adiantar", indicou a presidenta provincial. Esta primeira acción está dirixida a aquelas persoas que xa estiveron neste destino turístico, para que compartan nas redes sociais as súas vivencias. "Tamén queremos implicar ao sector, que está detrás deses recordos", abundou. Nesta fase a Deputación organizará concursos e sorteos mensuais. Empezará este mércores 10 de febreiro cunha campaña en Internet.
FASE 2
A fase 2 empezará cando non existan restricións á mobilidade e chamarase 'É o teu Momento'. A idea é presentar o vídeo central da campaña en Fitur, pero dependerá das circunstancias. Neste caso xa se convidará á cidadanía a visitar a provincia partindo das historias reais que foron recibidas na primeira fase trasladando "empatía, emoción e acción", subliñou.
A terceira e última fase chegará cara a finais deste ano e no inicio de 2022. "Aproveitaremos a forza tractora do Camiño de Santiago para dar a coñecer as rutas da provincia", subliñou, en relación á da camelia, os fenicios, miradoiros, viño, faros, sendeirismo, entre outras. "E atopar o noso propio camiño na provincia de Pontevedra", concluíu Carmela Silva.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.