“Sabemos que en Galicia viven máis de 15.000 cataláns”, Joel Cava

Coñecemos, da man do catalán Joel Cava, unha iniciativa que pretende servir de punto de encontro de cataláns en Galicia pero tamén un espazo de intercambio entre o pobo galego e o catalán. A futura asociación chamarase ‘Casal Català de Galícia’.

Por X.M. Fernández | Santiago de Compostela | 10/02/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A través dunha conta de Twitter con contidos que relacionan Cataluña con Galicia, @CatalansGAL, chegamos a Joel Cava, un catalán que hai algo máis de tres anos veu a Galicia polo traballo e pola súa parella. Será el quen nos conte que se coce detrás deste perfil en redes sociais.

Esquema de proxectos
Esquema de proxectos

Sen ter ningunha raizame galega falamos en perfecto galego con el, cousa que non debería estrañar, pero que semella que aínda non temos normalizado de todo na sociedade galega. Tanto é así que nos conta como anécdota que cando traballaba na Coruña “a xente estrañábase de que estivera aprendendo galego”.

Cava di que chegou a Galicia “como un libro en branco, bastante inocente e sen ningún prexuízo”, recoñecendo non ter coñecemento previo da realidade galega. Despois destes tres anos, di sentirse moi cómodo na nosa terra e que nos ve aos galegos como un pobo loitador e moi familiar, con moito apego ás relacións familiares e comunitarias. Pola contra, confésanos que non lle gusta a “obsesión con valorar mellor o que vén de fóra, como un sentimento de inferioridade que non pode ser”, e engade neste senso “como pobo non lle fai ningún ben”.

Após de romper o xeo, entramos a coñecer as motivacións de Joel e o grupo de cataláns que están a facer realidade a idea que tiveron no 2020 de fundar un Casal Català de Galícia.

Como foi o teu proceso de adaptación sociocultural na nosa terra?

Logo de Casal Català de Galícia
Logo de Casal Català de Galícia

O contexto foi moi favorable. Teño a sorte de atoparme nunha contorna 100% galega dende a miña chegada. Aprendín o galego, e aínda o estou a aprender, grazas á inmersión lingüística. Ver o Shin-Chan ou A Nanny nunha excelente dobraxe galega axudoume moito a coñecer o país. Certo é que, para aprender unha segunda lingua, hai que ter a mente aberta.

"Teño a sorte de atoparme nunha contorna 100% galega dende a miña chegada"

Atopaches máis cataláns dos que esperabas, sen contar simpatizantes, familiares e galegos retornados de Cataluña?

Si, pero tampouco moitos. Sabemos que en Galicia viven máis de 15.000 cataláns, concentrados especialmente nas provincias da Coruña e Pontevedra.

15.000 cataláns? Como chegas a este dato?

A través do Instituto Galego de Estatística, pasáronme o dato do INE.

Que motivacións vos levou a crear o Casal?

Principalmente, ser o punto de encontro dos cataláns no territorio. O noso precedente é o Lar Catalán da Coruña, que naceu no 1950 nun contexto moi diferente do actual. A asociación desapareceu por falla de relevo xeracional, polo que queremos tomar o seu legado e actualizalo.

De momento, un punto de encontro virtual?

Comezamos a nosa andaina empregando Twitter como ferramenta principal de comunicación e estamos pensando en crear unha canle de Telegram para a comunicación máis directa con interesados/as e posibles socios/as. Tamén contamos con abrir máis adiante un local social en Compostela.

Destes algún paso para constituírvos como asociación?

Pois si, estamos a voltas cos estatutos e xa fixemos algúns contactos, como por exemplo a FIEC (Federació Internacional d’Entitats Catalanes), que é como unha agrupación de Casals Cataláns a nivel internacional.

"Queremos converternos nun espazo de intercambio galaico-catalán"

Algo máis, logo, que calmar a morriña?

Queremos converternos nun espazo de intercambio galaico-catalán co obxectivo de achegar aos cataláns e galegos a historia entre as dúas nacións, porque cremos que no eido político e mediático a nosa relación está a ser esquecida.

Atopaches máis sensibilidade cara Cataluña e o catalán da que esperabas e da que chega alí polos medios?

Os nosos familiares e amizades de Catalunya descoñecen a realidade galega, e o mesmo sucede aquí cando falamos da situación catalá. Desgraciadamente, os medios non contribúen dun xeito veraz informando do que ten lugar nas dúas comunidades, polo que queremos romper coa desinformación e acercarlle ao público o que realmente acontece.

Cóntanos que proxectos a medio prazo tedes para este ano e como se pode contactar con vós?

Coa pandemia, polo agora estamos a divulgar nas redes as relacións da Galiza e Catalunya. Imos celebrar o noso calendario de festas e tradicións. Estamos a valorar como ofrecer clases de catalán. Por outro lado, cando a situación do coronavirus remita, encantaríanos facer unha primeira xuntanza e un debate.

"Coa pandemia, polo agora estamos a divulgar nas redes as relacións da Galiza e Catalunya"

Queremos asesorar tamén aos cataláns que queren mudar á Galiza e aos galegos que queren ir a Catalunya. Os interesados e interesadas no Casal poden contactarnos directamente no perfil de Twitter ou a través do enderezo electrónico hola@catalans.gal

L’AMBAIXADA, UN ANTECEDENTE PRÓXIMO E SEMELLANTE

No ano 2006 houbo en Compostela un movemento semellante a este que acaba de nacer. Bautizouse como “L’Ambaixada” e foise conformando con xente nova de entre 20 e 25 anos.

Segundo nos conta o escritor e filólogo Eduard Velasco, un dos fundadores, “a idea era facer difusión da cultura catalá e fixemos unha especie de chamada con correos electrónicos, poñendo cartaces... chegamos a ter un grupo activo dunhas dez persoas”. E engade “as actividades que fixemos daquela, sen desmerecer o seu nivel cultural, tiñan un marcado carácter festivo e político”.

Durante uns anos chegaron a organizar moitas actividades, gran parte delas arredor do local social da Gentalha do Pichel; charlas e conferencias, clases de catalán, proxeccións de documentais, actos políticos, festas, etc. E todo cunha característica importante a salientar, o marco mental, a base de todo o que se organizaba tiña que ver cos Països Catalans.

Despois duns anos, a xente do grupo esparexeuse, a maioría volveu aos seus lugares de orixe e non tendo unha estrutura detrás a cousa non perdurou. Foi, como di Eduard Velasco, “cousa dunha época”.

Joel Cava, un dos impulsores do Casal Català de Galícia. Foto: J.C.
Joel Cava, un dos impulsores do Casal Català de Galícia. Foto: J.C.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta