Investigan ao alcalde de Catoira por cobrar a pensión e un salario en dietas do concello

O rexedor deféndese dicindo que coa decisión tomada aforroulle ás arcas municipais de Catoira ao redor de 50.000 euros brutos anuais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/02/2021 | Actualizada ás 13:21

Comparte esta noticia

O Xulgado de Instrución e Primeira Instancia número 2 de Vilagarcía abriu dilixencias contra o alcalde de Catoira, Alberto García, por cobrar 75 euros por día en concepto de asistencia ao Concello a pesar de estar en réxime de xubilado.

A situación foi denunciada ante a Fiscalía polo grupo municipal do BNG e o seu portavoz, Xan Castaño, asegura que entre a numerosa documentación descuberta durante os dez meses nos que os nacionalistas ostentaron a alcaldía figuran recibos do pago mensual desta asignación diaria.

O concepto deste pago, que ascendía a uns 75 euros diarios, era pola súa dedicación ao Concello e, segundo figura na documentación en poder dos nacionalistas, sitúase ao redor dos 1.700 euros mensuais, aínda que houbo meses nos que chegou a ascender ata os 1.900 euros.

"E non se trata de suposicións porque temos as probas documentais. Son feitos irrefutables", comenta. O portavoz do BNG advertiu que "isto non poden considerarse dietas, senón un soldo encuberto en toda regra" e sinala que, a maiores desta asignación mensual, Alberto García seguía cobrando pola súa asistencia aos plenos e ás comisións de goberno que se celebran semanalmente.

XURISPRUDENCIA

O BNG de Catoira apunta que existe xurisprudencia que confirma a ilegalidade dos feitos denunciados. En concreto, citan unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid que impediu ao rexedor de Medina de Pomar cobrar a súa pensión de xubilación e, ao mesmo tempo, as indemnizacións por asistencia a plenos e comisións.

O tribunal madrileño entendeu eses cobros como retribucións periódicas polo desempeño do seu cargo público, o que era incompatible co cobro da súa pensión. "Ético, polo menos, sabemos que non é", apunta Xoán Castaño, "e se é xusto, xa se verá", engade.

Os nacionalistas de Catoira tamén enviaron un escrito á Seguridade Social informando da situación, por se consideran que tamén lles corresponde tomar accións pola súa banda. Xan Castaño asegura que "houbo casos en Catoira de persoas xubiladas que fixeron algúns trabajillos, a Seguridade Social decatouse e tiveron que devolver o diñeiro".

Alcalde de Catoira, Xan Castaño (BNG)
Alcalde de Catoira, Xan Castaño (BNG)

O REXEDOR DEFÉNDESE

Alberto García, que acudiu aos xulgados de Vilagarcía para acompañar a varios traballadores municipais que prestaron declaración por este caso, alega que o cobro desa asignación diaria é completamente legal e que se corresponde a un acordo plenario aprobado en 2017.

O actual rexedor de Catoira explica que se xubilou por vontade propia a pesar de que podía seguir cobrando do Concello o seu soldo e a súa dedicación exclusiva como alcalde, polo que con esta decisión aforroulle ás arcas municipais de Catoira ao redor de 50.000 euros brutos anuais.

Alberto García atribúe a denuncia do BNG, que considera "desproporcionada", ao desexo dos nacionalistas de que "desapareza do mapa".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta