Galicia, segunda autonomía con máis inmobles da Igrexa inmatriculados, coa Coruña á cabeza en España

Son máis de 7.000 bens. Coruña está á cabeza das provincias españolas nunha listaxe que inclúe templos, vivendas e prazas de garaxe, entre outros

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/02/2021 | Actualizada ás 19:48

Comparte esta noticia

A Igrexa católica conta cun total de 7.131 bens inmatriculados en Galicia entre 1998 e 2015, por mor da reforma da Lei Hipotecaria levada a cabo polo Goberno de José María Aznar, segundo a listaxe elaborada polo Goberno e enviada este martes ao Congreso dos Deputados.

O Arcebispo de Santiago, Julián Barrio, durante o acto solemne de apertura da Porta Santa da Catedral de Santiago, que dá inicio ao Ano Santo 2021, en Santiago de Compostela, a 31 de decembro de 2020
O Arcebispo de Santiago, Julián Barrio, durante o acto solemne de apertura da Porta Santa da Catedral de Santiago, que dá inicio ao Ano Santo 2021, en Santiago de Compostela, a 31 de decembro de 2020 | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press - Arquivo.

Segundo esta listaxe, Galicia é a segunda comunidade con máis inmatriculacións --acción de inscribir por primeira vez unha leira no rexistro da propiedade-- do total de 34.961 existentes en España, por detrás de Castela e León (10.243).

De feito, A Coruña é a provincia con máis bens inmatriculados de todo o Estado (2.669). Séguelle Lleida (2.157) e Cantabria (2.058). En cuarto posto sitúase Ourense (2.017). Nos primeiros postos tamén están Pontevedra (1.383) e Lugo (1.062).

Dos 7.131 bens en Galicia, 2.747 son templos e os 4.384 restantes son leiras rústicas, vivendas, solares, cemiterios e prazas de aparcadoiro, entre outros.

Esta lei permitiu á Igrexa rexistrar ao seu nome inmobles só cunha certificación eclesiástica, tal e como se presenta en 6.210 casos en Galicia, mentres en 921 casos son títulos distintos da certificación eclesiástica.

"AO AMPARO DUNHA SITUACIÓN LEGAL"

"As inmatriculacións producíronse ao amparo dunha situación legal, outra cousa é que, aolongo dos anos, houbese posicionamentos contrarios á reforma que propiciou o Goberno de Aznar, pero foi á luz dunha legalidade", declarou a vicepresidenta primeira do Goberno e ministra da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática, Carmen Calvo, este martes.

Das 34.961 inmatriculacións, 20.014 corresponden a templos da Igrexa católica ou dependencias complementarias que teñen que ver co culto ou a tarefa educativa e as 14.947 restantes relaciónanse con outros usos: terreos, solares, vivendas ou locais, segundo concretou Calvo.

Ademais, 30.335 bens foron inmatriculados en virtude de certificación eclesiástica e no caso doutros 4.626 bens, a inmatriculación consta a outro título distinto, a título "bastante e suficiente para a demostración".

Tamén puntualizou que o conxunto das inmatriculacións ten unha intensidade diferente por comunidades autónomas e territorios.

En todo caso, Calvo precisou que "esa legalidade que propiciou este volume de inmatriculacións, agora pode ser contestada, como é lóxico".

CALQUERA QUE DISCREPE PODERÁ RECLAMAR

Por iso, Calvo sinalou que, a partir da publicación desta listaxe, calquera persoa física, xurídica ou administración pública que discrepe, pode reclamar algún destes bens, xa sexa por "vía administrativa", para que a Administración Xeral do Estado abra a investigación correspondente ou "pola vía dos tribunais".

Ademais, engadiu que se a Igrexa católica considera que hai algunhas inmatriculacións que poden ser, ou non contestadas e que de oficio as pode resolver, ou vai defender os seus dereitos ante os tribunais fronte a unha parte hipotética que tamén exerza o dereito, "esa será unha decisión súa".

PATRIMONIO HISTÓRICO

Calvo tamén destacou que na listaxe aparecen "bens afectos a un réxime moi especial" que son todos aqueles que están catalogados como parte do Patrimonio Histórico español ou protexidos polas leis autonómicas de patrimonio histórico, como é o caso da Mesquita Catedral de Córdoba, que foi declarada Patrimonio da Humanidade en 1984 pola UNESCO.

"Todos eses bens teñen un réxime especial por canto forman parte da propiedade privada, pero están afectos a outros fins públicos e de utilidade social", remarcou.

Carmen Calvo asegurou que a publicación deste informe significa "un paso de colaboración continua coas Cortes Xerais", xa que foi o Congreso dos Deputados o que instou o Goberno en 2017 á realización deste estudo, a partir da presentación dunha Proposición Non de Lei (PNL) presentada polo PSOE.

Sobre a listaxe, Calvo asegurou que é froito dun traballo "rigoroso" desde a Administración Xeral do Estado. Ademais, precisou que non hai "ningún desfasamento" nas cifras e engadiu que as inmatriculacións contáronse "unha a unha".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta