"A dor menstrual tamén é síntoma das precarias condicións laborais, políticas e sociais"

Este non é un artigo só para mulleres, porque tampouco a menstruación é só "cousa de mulleres". GC debulla canda a divulgadora Laura Veiga as implicacións sociais, políticas, culturais e económicas dun proceso biolóxico que viven miles de millóns de persoas no mundo e que aínda está marcado polo estigma e os tabús.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Laura Veiga (1997) é xornalista e divulgadora menstrual. Durante os anos de facultade comezou a somerxerse no inmenso mundo do ciclo menstrual; e coñecelo foi tamén autocoñecerse. A través da súa canle de Instagram Pingando.gal, YouTube e Podcast, Laura Veiga desmente mitos, acaba con tabús e ofrece información científica práctica para o noso día a día sobre menstruación. Sería posible adaptar a vida ás necesidades do noso ciclo? Isto é o que nos conta. 

Laura Veiga, xornalista e divulgadora menstrual
Laura Veiga, xornalista e divulgadora menstrual | Fonte: remitida

Canto sabemos sobre menstruación? Temos unha boa educación menstrual?

Para nada! Da menstruación sabemos que menstruamos e pouco máis [risas]. Cando pregunto en Instagram cales son as fases nas que dividimos o ciclo menstrual, moitas persoas non o saben. Utilizan como sinónimo ciclo menstrual - os días que van dende o primeiro día de sangrado ata o día anterior do seguinte sangrado - e menstruación - os propios días de sangrado -. Que non saibamos distinguir un mes dunha semana xa me parece bastante significativo! Tampouco sabemos como identificar a nosa ovulación, que é algo ao que non adoitamos darlle importancia, pero se non se produce a ovulación, non se produce a menstruación (poderemos ter un sangrado residual ou por deprivación), e polo tanto, se non sabemos identificar a nosa ovulación, non saberemos se estamos menstruando ou non, e nin sequera pensamos que sexa algo que temos que saber.

"A educación menstrual dános os parámetros para identificar cando algo vai mal"

A educación menstrual, tal e como eu a entendo, non implica saber todo o que pasa no noso corpo, porque para iso está a comunidade científica e, ademais, moitos destes coñecementos son complicados de entender e nin sequera teñen utilidade. Nós o que necesitamos é saber identificar cando algo vai mal e cando teño que preocuparme, e a educación menstrual é a que nos dará os parámetros para iso. É un problema non saber como ten que ser a cor do noso sangrado ou non saber se é normal que o noso periodo dure 36 días. Se estamos unha semana con diarrea sabemos perfectamente que temos que ir ao médico. Coa menstruación debería ser igual. 

O teu proxecto, Pingando.gal, nace desa necesidade de visibilizar un proceso tan natural como a menstruación?

Considero que a menstruación hai que visibilizala, mais ultimamente vexo que a visibilizamos dende unha perspetiva mística, tratándoa como algo sagrado, e iso tampouco me encaixa. Hai moitísimas contas de círculos de mulleres que se reúnen para sincronizar a menstruación cos ciclos da lúa, ou mulleres que lle dedican altares ao seu sangue menstrual. Vale, entendo que persoalmente che poida servir para algo; o que pasa é que considero que se pasamos de non visibilizala a visibilizala únicamente dende un punto de vista, estamos perdendo moitísimo e non arranxamos nada. Ademais, penso que dende esa perspetiva mística e sagrada non promovemos a investigación, porque o único que se buscan son as experiencias persoais. E non lle resto importancia, pero por moito que suba unhas bragas manchadas de sangue a Insta, as persoas que teñen endometriose van seguir tendo endometriose. Queda moitísimo por investigar e actualizar, e é moi importante visibilizar isto. Polo tanto, o meu proxecto xorde da necesidade de visibilizala dende un punto de vista que non sacralice a menstruación, porque a súa función é que quedemos embarazadas, e non hai máis de onde sacar!

 

E esta visibilización estase traducindo en maior investigación ao redor dos problemas menstruais?

Si, pero quizais dunha forma máis lenta do que nos gustaría. A ciencia é algo que se cociña moi lento e sobre todo cando non hai cartos. Os investigadores non comen do aire, e non podemos apelar á vocación. Ninguén vai dicir: "Como eu considero que a dor menstrual é moi importante, vou dedicar todo o meu tempo a investigala e logo xa verei como como!". Non podemos pretendelo. O importante é soster economicamente a investigadoras e investigadores que de verdade intentan fomentar todo isto. Con todo, si que é verdade que o feminismo está empurrando para que esta investigación teña lugar. Pasa como coas leis, que sempre van un paso por detrás do que a sociedade precisa. 

No ano 1978, a xornalista Gloria Steinem facía un exercicio de imaxinación dun mundo no que quen menstruase fose a maioría de homes e non a maioría de mulleres. Dicía que se isto pasase, "a menstruación convertiríase nunha realidade masculina envidiable e digna de alarde" e que "os homes se xactarían do longos e copiosos que serían os seus periodos". Canto pesa o compoñente de xénero sobre o descoñecemento e o estigma en torno á menstruación?

"O coñecemento da regra por parte dos homes limítase a pensar que as mulleres estamos alteradas os días que sangramos. Xa está"

Moitísimo, por diferentes motivos. Para comezar, partimos dun tema que se considera exclusivamente feminino, e polo tanto, excluímos as persoas de sexo masculino deste tipo de educación, o cal implica unha discriminación moi clara, porque casualmente, as persoas que non menstrúan son as que concentran todo o poder na sociedade, e polo tanto, adaptamos toda a sociedade á forma de vida desas persoas, que aínda por riba, non entenden como nos sentimos o resto. É certo que eles non sofren os cambios propios da menstruación no seu corpo, pero socialmente conviven con persoas que están menstruando, e por falta desa educación non teñen as ferramentas para socializar nin para entender como nos afecta realmente. O seu coñecemento sobre a regra limítase a pensar que as mulleres estamos alteradas os días que sangramos. E xa está. Por iso a educación menstrual ten que ser para todo o mundo.

Por outra parte, como é un tema tan feminizado asociamos moitísimo a menstruación á reprodución e ao feito de ser nai. De aí veñen todos eses estigmas que comezan, o día que che vén a regra, cun "xa es muller, prepárate porque agora podes quedar embarazada". Temos que separar menstruación de reprodución: obviamente o ciclo menstrual só existe para que quedes embarazada, non hai ningún misterio máis, pero que exista por iso non quere dicir que teñas que quedar embarazada. O corpo está deseñado para que ese ciclo menstrual teña lugar, e polo tanto, afecta a todos os sistemas: o dixestivo, o inmune, a nosa parte emocional e mental... Se simplemente reducimos o ciclo menstrual á reprodución estámonos esquecendo de todo o resto. 

Que estamos dicindo subliminalmente cando lle dicimos a unha cativa que acaba de virlle a regra iso de "xa es muller"? Por que debemos desterrar esta reacción?

A min paréceme unha frase super forte, alucinante!, porque temos que pensar que hai nenas que comezan a menstruar aos dez anos. Subliminalmente estamos dicindo que tes que ter a responsabilidade dunha persoa adulta, e que tes que comportarte como tal. E como se supón que temos que comportarnos as mulleres adultas? Estar caladas, ser sumisas, non responder cando algo nos parece mal...? É como dicirlle: "Agora xa non podes xogar, tes que estar quietiña, sentada, ser educada e non molestar".

Por outra banda, cando dicimos "xa es muller" estamos obviando a todas as persoas que non se identifican co xénero feminino e que si que menstrúan. Hai homes que menstrúan e hai persoas non binarias que menstrúan. Igualmente, hai mulleres trans que non menstrúan e hai mulleres que por diferentes patoloxías tampouco menstrúan. Deixan estas persoas de ser mulleres? Unha muller que ten endometriose e acaba quitando o útero, como pode ser o caso da actriz Lena Dunhan, deixa de ser muller? Por outro lado, se identificamos a menstruación como algo intrinsecamente feminino, todas esas persoas que senten que o seu xénero é o masculino, o primeiro que van intentar facer é suprimir a súa menstruación, porque é socialmente un signo de feminidade. E como dicía, o ciclo menstrual ten unhas implicacións moi importantes en todos os sistemas do corpo, polo tanto están suprimindo partes da súa saúde mental e física. Non se teñen moito en conta os riscos que isto leva consigo. 

SOCIEDADE, MENSTRUACIÓN E COIDADOS

"Se tivésemos a oportunidade de organizar a nosa vida en torno ao ciclo menstrual, viviriamos moito mellor"

É importante entender a menstruación como fenómeno social, político e cultural? 

Sen ningunha dúbida. Temos que entender e coñecer como é o noso ciclo menstrual e apuntar como nos sentimos en cada momento, porque atoparemos patróns ao longo do ciclo bastante claros. Poden ser de tristeza, mal humor, maior tendencia a falar coa xente, maior tendencia a escoitar... A nosa enerxía, flexibilidade e forza tampouco é a mesma unha semana antes de menstruar ca unha despois. E incluso a nosa agudeza visual, olfativa e auditiva se ven influídas polo ciclo. Todo isto é algo que non traballamos porque socialmente vivimos dunha forma lineal. Levantámonos todas as mañás á mesma hora, traballamos todos os días do mesmo xeito... Temos moi integrada unha rutina e unha idea de que todo ten que ser igual ca o día anterior. E non é así, polo menos, para as persoas que menstruamos, pero tamén para o resto de persoas. Todas temos ciclos; o que pasa é que nas persoas que menstruamos esta ciclicidade é moito máis visible.  

Podemos organizar a nosa vida en base ao ciclo menstrual. Soa moi utópico porque vivimos nun sistema lineal, pero se tivésemos a oportunidade, viviriamos moito mellor. Por exemplo, eu agora mesmo estou menstruando e sei que cando menstrúo estou moitísimo máis aberta a falar coa xente, por iso agora estou moi cómoda na entrevista. Pero non sería o meu momento ideal para ir a unha festa. Estaría ben ter a liberdade de propoñer facer esa festa dentro de tres días, pero é algo que non facemos porque non visibilizamos nin falamos. 

Politicamente, nos últimos anos, os únicos pasos que se deron foi reducir o IVE de compresas e tampóns ao 10% e comezar a falar da baixa menstrual, pero esta medida tamén ten problemas.

O teu proxecto pon os coidados no centro. Cómpre saber identificar as nosas necesidades en cada momento e poder expresalas?

"Os coidados son un espazo moi valioso para a investigación"

É fundamental. Respecto dos círculos de mulleres dende un punto de vista sagrado, se ben caen no punto de non buscar máis información, teñen a súa parte positiva en que proporcionan un espazo seguro no que comunicarse e expresarse. Algo que no noso día a día non traballamos. Estamos tan centradas nas tarefas que non buscamos nin o espazo nin o tempo para coidarnos; e é importante recuperalos. E digo recuperalos porque todos os avances feministas que se fixeron non foron dende as aulas, foron dende as reunións de mulleres que se fixeron espazo e se foron recoñecendo nun mesmo relato. Os coidados son un espazo para conectarnos con nós mesmas, para expresarnos e para que outras persoas se sintan recoñecidas, pero ademais, son un espazo moi valioso para a investigación. No caso da endometriose, como se vai iniciar unha investigación sobre esta enfermidade e dor menstrual se non hai grupos de persoas que digan que sofren esta patoloxía e que teñen dor? Ninguén vai investigar a dor menstrual se nós non dicimos que a temos. Ninguén vai investigar como nos afecta o estrés ao noso ciclo menstrual se nós non dicimos que temos estrés e que notamos que isto afecta ao noso ciclo. Tampouco podemos estudar a socialización do ciclo menstrual se só temos en conta o noso caso. Como imos estudar a influencia na sociedade pensando en nós como individuos? 

Isto recórdame ao que dicía Érika Irusta nunha entrevista a Píkara Magazine sobre que se nos fai crer que é o corpo da persoa menstruante o que ten o problema da dor e non a sociedade. Hai que converter o problema do persoal ao colectivo?

"A dor é un síntoma de enfermidade da sociedade en xeral"

É imprescindible. Non podemos entender a investigación ou a política dende un punto de vista individual. Non é o camiño. En colectivo e facendo comunidade é como podemos solucionar isto. Se temos dor menstrual podemos intentar atallala por medio da alimentación, do descanso... pero se eu estou explotada laboralmente e traballo dez horas ao día, como non vou ter estrés e dor? Ese discurso de "disfruta da vida", "cambia a mentalidade" ou "mira en positivo" non vale nin funciona porque non hai nada de positivo en non poder chegar a fin de mes. Se as condicións laborais, políticas e sociais son unha merda teño todo o dereito do mundo a dicilo. E teño todo o dereito do mundo a queixarme, estar triste, enfadada... a todo! Precisamente o ciclo menstrual está moi afectado por todo isto, e a dor menstrual é un síntoma de que estas condicións precarias nos están afectando. Como imos botarlle a culpa a unha persoa de que lle doa a regra se todo o sistema no que vive e a súa contorna está enferma? A dor non deixa de ser un síntoma de enfermidade da sociedade en xeral. É moi bonito dicir que os coidados son a clave, pero non son unha realidade. Reunirse funciona, pero non podemos quedar nisto. Ten que haber un cambio social.

 

MEDICINA, MENSTRUACIÓN E ENDOMETRIOSE

"O ciclo menstrual é unha variable que se exclúe na etapa de investigación por falta de diñeiro e porque sempre se fixo así"

Existe unha mirada androcéntrica na medicina e na sanidade? 

Existe, está demostrado. Os medicamentos próbanse en animais macho porque as femias teñen ciclos menstruais e ese sistema hormonal afecta ás probas. Disto despréndese que se fai por ser máis barato e sinxelo investigar só en animais machos, pero eses medicamentos tamén se lle van dar a mulleres, e esas mulleres tamén teñen ciclo menstrual. Como consecuencia, non sabemos se afectan diferente, se os efectos secundarios son os mesmos... O ciclo menstrual é unha variable que excluímos na etapa de investigación basicamente por falta de diñeiro e por iso de que todo o mundo o fai así. Dáse por feito que o home é o suxeito universal, e non nos facemos máis preguntas.

Como se traduce isto no tratamento da saúde menstrual nas propias consultas? No caso da pílula, por exemplo, dáse por sistema?

Enténdese a pílula como o remedio para todo. Con iso conseguimos que haxa xente que o acabe crendo e que haxa xente que a rexeite totalmente precisamente por este uso masivo. É un medicamento moi efectivo para o que ten que ser. O problema é cando o utilizamos indiscriminadamente. A pílula é unha opción, pero non pode ser que sexa a única. Os pacientes temos dereito a escoller, é algo que está lexislado e do que debemos facer uso. A realidade é que non se dan máis opcións porque así se aforran cartos e tempo en diagnóstico e probas. Tampouco quero botar a culpa aos profesionais da sanidade, porque agora mesmo teñen cinco ou dez minutos por tempo de consulta. De verdade en dez minutos vas atopar algo? Iso é o que tardo en abrir a porta, sentarme, dicir ola e pouco máis! O problema son os recortes en cartos, tempo e calidade.

As mulleres estamos sobremedicadas?

Si, isto tamén está demostrado. Temos unhas taxas de medicación psiquiátrica moito máis altas ca os homes. Nisto tamén inflúen os estereotipos de que as mulleres nos queixamos por todo. Se un home lle di ao seu médico que se atopa moi canso, o máis probábel é que o remita a un endocrino porque poden ser síntomas dunha alteración hormonal da tiroides. Se o di unha muller, como moito verán se ten anemia, e se non, dan por suposto que ten inicios de depresión e recéitanlle antidepresivos; non investigamos máis. 

A que situación se enfrontan nas consultas médicas as mulleres que sofren endometriose, esa enfermidade tan pouco coñecida pero que afecta a 1 de cada 10 mulleres?

"As mulleres con endometriose están nun tempo medio de diagnóstico de oito anos"

A nivel de consulta médica, agora hai suficientes profesionais actualizadas que saben identificar a endometriose, pero segue habendo moitas que non. Poden chegar a unha consulta e que se atopen co discurso de que a dor é normal, ou coa receita da pílula, que moitas veces pode chegar a ser contraproducente. Se non nos actualizamos é moi dificil que o diagnóstico chegue a darse ben e cando se necesita. O cando tamén é importante. As mulleres con endometriose están nun tempo medio de diagnóstico de oito anos. Oito anos dende que comezan a consultar a profesionais. A iso hai que sumarlle o tempo que levan sufrindo esa dor sen ir ao médico. E aquí entra unha segunda cuestión: a endometriose é unha dor crónica diaria que ten que ser algo insoportable. Estamos condenando a persoas a que vivan con dor todos os días da súa vida dende que se levantan ata que se deitan.

Seguindo con aquela situación imaxinada do comezo, que cambiaría se fosen os homes os que sufrisen endometriose? 

Non diría que estaría curada, pero si estaría moitísimo máis investigada e habería un tratamento moito máis efectivo. Segurísimo. É algo que vemos continuamente: as enfermidades que afectan nunha maior porcentaxe a mulleres non se investigan o suficiente ou invisibilízanse. Ocorre tamén co lupus, por exemplo. 

NEGOCIO E POBREZA MENSTRUAL

"A información persoal que rexistramos nas apps de control do ciclo véndese por unha pasta"

Na túa investigación de fin de carreira tes analizado as relacións entre menstruación e capitalismo. Como se fai negocio coa regra?

O primeiro tema importante é o do IVE de compresas e tampóns, que nin sequera a intención de cambialo a superreducido aparece contemplado nos presupostos. Outro punto que demostra que a menstruación se converte nun negocio é o das apps de control do ciclo; todos os nosos datos se transforman en información que se vende por unha pasta. Unha terceira cuestión ten que ver coas células nai presentes no endometrio. Estas poderían diminuir o rexeitamento a organos ou próteses, ou poderían utilizarse para tratamento para parkinson ou alzheimer. A pesar de que as investigacións aínda non están ofrecendo un tratamento real e efectivo a partir destas células, hai empresas que están comezando a comercializar servizos onde ti podes almacenar o teu sangue menstrual, e roldan os 10.000 euros. Son exemplos de que interesa facer negocio coa regra e vai seguir interesando. 

Para pechar... Recoméndanos...

Un libro: Diario de un cuerpo ou Yo menstrúo, ambos de Érika Irusta. O primeiro é un diario que fixo ela durante tres ciclos seguidos, é a mostra perfecta de como podemos entender o noso ciclo, e tamén trata o tema coidados e vulnerabilidade. O segundo é un manifesto de por que menstruar é político.

Algo para ver: Hai un documental en Netflix que se chama "Period. End of sentence" que creo que ilustra bastante ben o tema da pobreza menstrual e tamén dos mitos que hai arredor da menstruación. É bastante famoso e gañou un Oscar.

Alguén a quen seguir nas redes: @soyxusasanz, enfermeira e en formación para ser nutricionista. Visibiliza moito como inflúe o ciclo na nosa vida sen caer na mitificación. Ten un discurso moi transparente.

Unha referente histórica sobre a que ler: Rosalyn Yalow, unha muller xudía que inventou xunto cun compañeiro o RIA, unha ferramenta para medir as hormonas no corpo. Ela defendeu, ademais, que este sistema non o ían patentar porque iso afastaba as cousas da xente co único propósito de gañar cartos. Grazas a este sistema non só podemos detectar o hipotiroidismo agora, senón que tamén é no que se basean os tratamentos de fertilidade e co que detectamos o VIH.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

E se os homes parisen o parto sería indoloro. Xa postos a decir parvadas... Todo ten que ser cuestión de xénero, e síntoma de non sei qué. Delirio ideolóxico.