Podemos Galicia cualifica de "chapuza xurídica" a reforma da Lei de Saúde galega

"Manifestar con claridade que a proposta de reforma da Lei de Saúde de Galicia esconde un notable recorte de dereitos e liberdades ao tratar a pandemia e a alarma sanitaria como un problema de orde pública", asegura o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/02/2021 | Actualizada ás 14:41

Comparte esta noticia

Podemos Galicia considerou que o proxecto de reforma da Lei de Saúde que o Partido Popular prevé aprobar este martes na Cámara galega supón unha "chapuza xurídica", "inconsistente" desde o punto de vista legal e "innecesaria" xa que "non cumpre co obxectivo fundamental que sería o de mellorar a saúde dos galegos.

"Manifestar con claridade que a proposta de reforma da Lei de Saúde de Galicia esconde un notable recorte de dereitos e liberdades ao tratar a pandemia e a alarma sanitaria como un problema de orde pública", asegura o deputado no Congreso e secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, nun comunicado remitido aos medios.

Segundo indicou, "esta lei non é froito da necesidade nin do consenso". "Non foi traballada cos profesionais da saúde, nin atende aos seus requirimentos nin aos retos futuros. É unha performance publicitaria como tantas outras ás que Feijóo nos ten adoitados", afirmou.

Así mesmo, tacha de "oportunista" a reforma anunciada "aos catro ventos" polo presidente galego, que "no mes de outubro remitía esta proposta errada ao Congreso dos Deputados na procura de réditos políticos e partidistas e que agora recicla no Parlamento galego para impola co rodete da maioría absoluta do PP", censura.

Ademais, censura que leve ao Parlamento en forma de proposición non de lei do Grupo Parlamentario Popular e non como proposta da Xunta para "evitar o preceptivo informe dos servizos xurídicos do Parlamento galego, que deberían pronunciarse sobre a legalidade da mesma".

Por todo iso, insta o Goberno de Feijóo a abandonar a "mercadotecnia política" e facer unha "aposta decidida e dialogada pola Sanidade Pública que responda as necesidades reais dos profesionais e dos centros, con máis e mellores medios e persoal, e o tan demandado reforzo da Atención Primaria e nos coidados".

EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA

Por outra banda, noutro comunicado, a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública reiterou o seu apoio á Plataforma SOS Sanidade Pública e ás forzas políticas que se opoñen á reforma desta lei que se debate o martes na Cámara galega.

Tras deixar claro que as súas críticas non responden a posicións negacionistas, considera que a epidemia ten unha gran repercusión sobre a saúde da poboación e apoia as medidas destinadas a evitar os contagios.

Con todo, sostén que o cambio da lei supón unha medida de "mercadotecnia política", "innecesaria" por existir instrumentos suficientes para combater a pandemia e que terá repercusión sobre os dereitos e liberdades cívicas da poboación (que non serían aceptados pola mesma se non existise a actual situación de alarma).

"Non se poden impor con carácter obrigatorio e baixo ameazas de fortes sancións, a realización de probas, tratamentos ou vacinas, xa que invaden o dereito á liberdade de decisión individual sobre saúde e o consentimento informado", sinala.

Ademais, rexeita o "innecesario e perigoso poder que se lle outorga a un comité clínico cuxa composición responde a criterios políticos". "En base a todo isto esiximos a retirada do proxecto de cambio da lei e abrir un proceso colaborativo e transparente da administración con todas as forzas políticas, sindicais e cidadás para facer fronte de forma eficaz á epidemia".

O candidato de Galicia en Común á Presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino, na Praza do Obradoiro de Santiago. GALICIA EN COMÚN
O candidato de Galicia en Común á Presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino, na Praza do Obradoiro de Santiago. GALICIA EN COMÚN | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta