Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2021 | Actualizada ás 21:00
Primeiro foron os eólicos, agora poderían ser a liñas de alta tensión. No municipio coruñés de Rois comeza a xerminar a loita veciñal contra a implantación dunha liña de alta de tensión que, á parte dos perxuízos naturais destas estruturas, podería ter grave impacto sobre o patrimonio cultural do concello. Cando menos, así o afirmou xornadas atrás o Consello da Cultura Galega nun informe que asegura que tal liña de tensión afectaría de forma "crítica" ao Castro Lupario e a patrimonio cultural do Camiño Santiago.
O informe do CCG, publicado a petición da Comunidade de Veciños de Angueira de Castro, subliña que o trazado contemplado nestes momentos debe "rexeitarse" a raíz deste potencial dano que, concretan os veciños, podería "arrasar" cun "elemento fundamental da lenda xacobea" e outras "ubicacións de alto nivel cultural". A CCVV agradece, neste aspecto, a colaboración do CCG, se ben queda aínda traballo para impedir o traxecto desta liña eléctrica.
Segundo apuntan os veciños, o escrito do CCG describe "de forma contundente e exhaustiva, cómo se verá afectado o Patrimonio arqueolóxico, os bens patrimoniais e a Paisaxe cultural e territorio histórico do Camiño de Santiago Portugués" no caso de que tal proxecto fora levado a cabo co plan actualmente disposto. Dende a veciñanza critican que, "en pleno ano xacobeo", se contemple o dano do Castro Lupario, por ese papel central que, explican, ten na historia da peregrinación a Santiago.
SILENCIO DA XUNTA
A veciñanza critica, neste aspecto, que a Dirección Xeral de Patrimonio --dependente da Xunta-- "non dá resposta a un informe anterior enviado polo Concello de Rois aprobado por unanimidade no Pleno do Concello, solicitando a Declaración de BIC (Ben de Interés Cultural) o Castro Lupario e o seu entorno", unha protección que impediría a construción desta liña de alta tensión con torres de "60 metros de altura".
Segundo explican dende a Comunidade de Veciños de Angueira de Castro, o Castro Lupario xoga un papel esencial da lenda xacobea porque, reza a tradición, era a morada da Raíña Lupa, un personaxe central na mitoloxía galega. O Códice Calixtino relata como esta muller --tamén chamada Raíña Loba-- tenta impedir que os restos do apóstolo Santiago cheguen a Compostela; pero, ante o fracaso dos seus intentos, remátase convertendo ao cristianismo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.