O PP de Pontevedra pide dimisións polo despedimento improcedente no Pazo da Cultura

Apuntan á edil de Persoal, Carmen Fouces, trala sentenza xudicial.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2021 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

A concelleira do Partido Popular de Pontevedra, Pepa Pardo, pediu este venres a "dimisión inmediata" da edil de Persoal, Carmen Fouces, por mor da sentenza do xulgado do social número 3 de Pontevedra, que cualificou como despedimento improcedente o cesamento de Pilar Portela como xerente do Pazo da Cultura. A finais do pasado mes de novembro, o Concello de Pontevedra cesaba a Pilar Portela no marco dunha reorganización que acabou coa disolución e supresión do organismo autónomo Pazo de Congresos e Exposicións.

A ex-xerente do Pazo acudiu aos tribunais alegando que o seu despedimento debía ser considerado nulo e, por tanto, pedía ser restituída no seu posto no que levaba 20 anos traballando. A sentenza, coñecida esta semana, obriga ao Concello de Pontevedra a indemnizala en 127.840 euros.

A concelleira de Cultura, Carmen Fouces, que tamén ostenta as competencias en materia de persoal, explicou que o Consistorio "asume" o reproche administrativo do xulgado sobre a forma na que Portela estaba contratada, pero non a indemnización polo que o fallo será recorrido ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). O Concello entende que a indemnización que lle correspondía á exgerente, como cargo de alta dirección, xa foi abonada no seu día como "liquidación".

Pazo da Cultura de Pontevedra
Pazo da Cultura de Pontevedra | Fonte: www.pazodacultura.org.

PIDEN DIMISIÓN

A edil do PP, Pepa Pardo asegurou que "non é sustentable" que a concelleira Carmen Fouces continúe ostentando as competencias en materia de persoal "despois deste pau xudicial ao Concello e, en particular, á súa xestión". E engadiu que "Pontevedra non merece que a responsable dos traballadores municipais teña este tipo de actitudes e comportamentos". Pepa Parto tamén recriminou a forma na que se lle notificou o despedimento, "despois de máis de 20 anos de servizo, recentemente incorporada dunha baixa laboral, no medio dunha pandemia e dunha situación económica e social sen precedentes", Pardo recoñeceu que as maneiras "foron indecentes".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta