O médico galego que pasa como "contrabandista" a Portugal

Napoleón Sánchez traballa desde hai 20 anos como médico en Melgaço. Cruza a fronteira por un punto non controlado polos servizos policiais.

Por Galicia Confidencial | Melgaço | 27/02/2021 | Actualizada ás 21:20

Comparte esta noticia

Napoleón Sánchez é un médico cirurxán residente en Celanova que cada día ten que percorrer máis de 40 quilómetros para ir a traballar en Melgaço, en Portugal. Iso era antes, porque agora ten que facer máis polo feche de fronteiras.

A ponte internacional de Ponte Barxas fotografiada desde a beira galega en 1924
A ponte internacional de Ponte Barxas fotografiada desde a beira galega en 1924 | Fonte: J. Solá - Vía lethes

Antes do feche de fronteiras pola covid, utilizaba o paso de Sao Gregório-Ponte Barxas, pero agora está fechado. A única fronteira aberta na zona é a de Tui-Valença, o que obrigaría a este médico a facer un traxecto de 80 quilómetros de ida e outros tanto de volta. Pero o médico Napoleón atopou unha alternativa para evitar ese longo traxecto: atravesar a pé, de forma clandestina, todos os días de mañá, unha pequena pasaxe sobre o río Trancoso. Un punto remoto fronteirizo que non ten vixilancia pero co que aforra diariamente hora e media de traxecto en coche.

"Veño todos os días ás seis da mañá, desde que fecharon a fronteira. Traio un coche até aquí, atraveso e teño outro coche do outro lado", suliña en declaracións ao Jornal de Notícias quen se di sentir "practicamente un contrabandista". "Volvemos á época antiga", lamenta.

O médico, que traballa desde hai 20 anos en Melgaço, considera "ilóxico" ter que facer o percorrido de Celanova até Tui-Valença para atravesar polo único punto autorizado de paso 24 horas. "Nós, traballadores transfronteirizos, non facemos ningunha ilegalidade. En teoría pode haber consecuencias, mais que imos facer?".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta