A Xunta retira a sinalización que danaba un marco milenario

Logo da denuncia presentada, a Dirección Xeral de Patrimonio retirou a sinalización dun coto privado de caza do coñecido como Marco Vello.

Por Galicia Confidencial | Parada do Sil | 21/08/2013 | Actualizada ás 11:13

Comparte esta noticia

"Tecor Societario. Parada do Sil". Este era o letreiro co logotipo da Consellería de Medio Ambiente que en maio aparecía chantado no coñecido como Marco Vello, unha pedrafita milenaria situada entre a confluencia dos concellos de Xunqueira de Espadañedo, Parada do Sil e Nogueira de Ramuín.

Marco danado por un letreiro da Xunta/ http://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com.es
Marco danado por un letreiro da Xunta/ http://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com.es

Tal e como recolle a lei, está prohibido fixar ningún tipo de sinalización en pedras, marcos ou bens patrimoniais. Por iso, e logo da denuncia presentada, a Dirección Xeral de Patrimonio procedeu a retirar dita placa metálica.

Novamente, e tal e como aconteceu hai uns días con outra denuncia de Mariña Patrimonio, a Secretaría Xeral de Cultura decidiu actuar logo da intervención das persoas e colectivos sociais de defensa do Patrimonio.

Sen embargo, os buratos dos parafusos do sinal danaron parte dunha gravura en forma de N invertido que figura nunha das cara do marco. A prancha fora colocada polo TECOR de Parada do Sil e, no seu momento e logo da denuncia dun particular, o seu representante na zona dixo que descoñecía que se tratara dun ben patrimonial.

O Marco Vello 

O coñecido como Marco Vello figura na base de datos de patrimoniogalego e puidera tratarse do «Cautum Sancti Stephani de Petrafita» ao que se refire o Privilexio de Alfonso VII de 1153, delimitando o Coto de Rocas, e que di que xa estaba alí no ano 921, segundo apunta Antón Rodicio.

O marco ten varias cruces gravadas e ao seu carón pasaba a vereda que unía Ourense, o Castro Litoria e Astorga. A súa propiedade é pública pero non está aínda inventariado pola Xunta. Unha lenda di que unha marca que ten na parte superior, fixoa o cabalo de Santiago, saltando dende este marco ata o Marco Novo que dista unhos 1400 metros.

Outras denuncias

Esta non é a primeira denuncia por danos no patrimonio por mor de sinalética. Un caso semellante aconteceu o mesmo hai uns meses cunha mámoa situado no Campo de Valentín, entre Samos e O Incio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

2 Nemigo

os carteis de tecor NON se poden poñer nin sobre pedras, penedos ou árbores. Teñen que ter poste propio. O pon no DOG

1 Historiador

Marco do que non está demostrado que ten 1000 anos. A páxina de Patrimonio Galego non é unha fonte fiable neste senso. Seriedade por favor

1 antiti

Demostra iso.

2 Antón Rodicio

Aquí está la demostración: http://riberasagrada.blogspot.com.e...