Deporte e COVID, así é a relación complicada pola pandemia

A práctica deportiva viuse moi limitada durante esta pandemia en todos os ámbitos. Isto pode ter consecuencias como o baixo rendemento deportivo debido aos confinamentos, peches perimetrais e outras limitacións. Ademais, é certo que o deporte axuda coa prevención da COVID? Existen datos que poidan confirmalo?.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 14/03/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

As plataformas dixitais serviron para manter as rutinas de adestramento para algunhas disciplinas deportivas. Conexións online para facer quecementos, manter ton muscular, a flexibilidade ou a forza, buscaban conservar a forma física e psicolóxica dos e das atletas durante o confinamento e durante os peches perimetrais. Con todo, tivo realmente algún impacto positivo ou negativo a política anti-COVID sobre os deportistas?

Un profesor imparte unha clase práctica do Grao de Ciencias da Actividasd Física e o Deporte. UNIVERSIDADE DE VIGO
Un profesor imparte unha clase práctica do Grao de Ciencias da Actividasd Física e o Deporte. UNIVERSIDADE DE VIGO

COÑECER OS EFECTOS

O Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) comezou unha investigación sobre a incidencia da COVID e a práctica do fútbol en menores de 4 a 17 anos. As pescudas e os permisos que solicitaron á Federación Galega de Fútbol levou á Secretaría Xeral de Deporte da Xunta de Galicia a pedir ampliar este estudo sobre outros deportes federados. “ Non había documentación científica sobre as repercusións do coronavirus dentro da comunidade deportiva, menos aínda na de deportistas menores” di Rocío Seijo, enfermeira do CHUAC e responsable da área de investigación en Saúde Poboacional e Coidados Sanitarios do INIBIC, quen ademais dirixe este proxecto de investigación sobre a COVID e deporte.

“Comezamos polo fútbol porque é o deporte máis estendido” sinala Seijo quen entendeu que a “limitación da actividade deportiva ten repercusións sobre a saúde física e emocional das persoas”. E os contaxios dentro de equipos deportivos? “Os gromos detectados afectan ao 0.2% dos equipos federados”. Unha cifra moi baixa para equipos deportivos que ás veces poden superar as dez persoas. “En deporte fanse test cada catorce días a todo o equipo, desta maneira tes información constante sobre a incidencia do coronavirus e isto permite ter controlado ata certo punto o contaxio” di Seijo.

A tradución é que a poboación xeral non ten un control tan profundo e constante. Dentro dun recinto deportivo ou escolar hai un adulto que controla o cumprimento das medidas sanitarias. Ese punto unido ao uso de máscara, evitar o vestiario e por tanto limitar o contacto, reduce as posibilidades de contaxio. Por outra parte, si é certo que unhas disciplinas deportivas poden ter máis risco que outras como pode ser o fútbol ou baloncesto fronte ao atletismo, por poñer un exemplo.

Ademais disto, poden as medidas de seguridade afectar o rendemento dos deportistas, como por exemplo o uso da máscara? “Os nenos están adestrando con máscara e non se demostrou cientificamente a baixa en rendemento destes nenos” di Seijo. Os riscos, non obstante, estarían por exemplo en compartir coche con persoas non conviventes ou en non seguir as normas.

HAI QUE REINVENTARSE

Foi posible adestrar para os deportistas durante a pandemia? A resposta é que en moitos casos si. Como? “Usando as ferramentas telemáticas como a plataforma Zoom” di o presidente do Club Atletismo Santiago, Alfonso López. Así foi como se crearon sesións de adestramento online para ter en forma a mozos e mozas. Con todo, López remarca “o valor dos adestradores que souberon sacar o mellor rendemento e tamén o valor dos e das atletas porque non foron poucos os casos en que quixeron deixar a práctica do deporte”.

“Houbo que reinventarse usando a Rede e así poder dar contido aos e ás xogadoras” di Bruno López presidente da Federación Galega de Balonmán. O obxectivo era evitar que “parar en xaneiro non permitise ter os equipos ao 100% en rendemento”. Así, os períodos de peche de dez a catorce días obrigan a un retorno progresivo á actividade. O peor para Bruno López non é a factura física que pase o confinamento, senón que “moitos clubes desaparecerán e moitas persoas decidirán deixar o deporte, sobre todo directivos”.

“É certo que houbo mozos e mozas que en vista da dilación dos períodos de peche e confinamento pensaron en abandonar” confirma tamén Alfonso López. Aínda así, a persistencia de adestradores e clubes traduciuse en que houbese atletas que “fixesen as súas mellores marcas”. Os adestramentos estiveron focalizados sobre todo en forza durante o confinamento estrito e aínda así “volver a correr foi duro”. En tal caso, a tempada 2021 en atletismo xa está deseñada de cara a poder afrontar os retos da COVID.

A afectación da falta de actividade en deportistas durante a COVID traduciuse en baixa no rendemento físico, mais tamén psicolóxico. Este último traducíase nunha visión de imposibilidade para poder levar adiante os seus adestramentos e acababa por minar a súa autoconfianza e decidir abandonar. En moitos casos os clubes conseguiron que os deportistas continuaran, o que xa non é seguro é a continuidade de clubes deportivos amadores, xuvenís e infantís.

Por outra parte, as conclusións científicas sobre a práctica de deporte en tempos como os que vivimos remiten a necesidade de practicar algunha disciplina deportiva. A finalidade é a obtención dunha mellora física e tamén psicolóxica para afrontar períodos de peche como os vividos ata o de agora.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta