A Xunta chama a gozar da hostalaría "con sentidiño" para "non dar pasos atrás" na desescalada

O vicepresidente, Alfonso Rueda, defendeu o sistema de códigos QR e garantiu que a recollida de datos era completamente reservada

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/03/2021 | Actualizada ás 17:33

Comparte esta noticia

O vicepresidentre primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, fixo este sábado un chamamento a "gozar da hostalaría" aproveitando o bo tempo, pero "con 'sentidiño'" para "non dar pasos atrás" no proceso de desescalada.

Así se pronunciou o tamén responsable da área de Turismo do Goberno galego desde unha cafetaría de Rodeiro (Pontevedra), onde asistiu á toma de posesión do novo alcalde, Rubén Quintá. O anterior, Luís López, deixou o cargo para tomar posesión como delegado da Xunta en Pontevedra.

Desde o local, que si conta co código 'QR' que deben instalar os establecementos para poder reabrir, Rueda animou os galegos a facer o "pequeno movemento" de rexistrar este distintivo no seu móbil, o que "facilita" o rastrexo en caso de aparecer un foco de covid-19.   "Sobre todo é un paso máis nesa desescalada que facemos, na que non queremos dar ningún atrás", explicou, á vez que apelou a manter o resto de normas "sinxelas", como a distancia social, a separación das mesas e o uso da máscara cando non se está consumindo.

SISTEMA 'QR'

Preguntado polos medios sobre a reticencia dos clientes a empregar o sistema 'QR', Rueda garantiu que os datos que recolle son de carácter "absolutamente reservados". "É só para utilizalo desde o punto de vista sanitario, nada máis, con absoluta garantía de que non ten outra utilidade", asegurou o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo.

Iso si, a Xunta acaba de aprobar unha moratoria doutra semana para a implantación deste sistema, que agora entrará en vigor o vindeiro venres 12 de marzo. "É lóxico, é un sistema novo, moita xente empezouno a descargar ao mesmo tempo e iso deu lugar a algún tipo de dificultade técnica", xustificou.

Así, aínda que "máis do 60 por cento" dos locais xa o teñen implementado, segundo as cifras que deu, espera que o venres "estea en todos". Para iso, a Administración autonómica pon a disposición dos responsables dos negocios os seus teléfonos e servizos por se "teñen algunha dificultade".

UN AVANCE "AOS POUCOS"

Así mesmo, sobre a posibilidade de ampliar o horario de apertura -actualmente, só ata as 18,00 da tarde- Rueda dixo "entender" as queixas, pero chamou á prudencia para que os datos da pandemia melloren "aos poucos", sen dar "pasos atrás".  Co horizonte de poder recuperar a normalidade, o vicepresidente primeiro da Xunta aposta por ampliar o horario "aos poucos e pensando que, se se cumpren as normas, o lóxico e normal é ir avanzando" na desescalada.

Comensais gozan na terraza dun restaurante cun 30% de aforamento permitido na área sanitaria de Ferrol, A Coruña, Galicia (España), a 5 de marzo de 2021. O comité clínico da Xunta de Galicia decidiu levantar as restricións especiais o. Mero Barral - Europa Press
Comensais gozan na terraza dun restaurante cun 30% de aforamento permitido na área sanitaria de Ferrol, A Coruña, Galicia (España), a 5 de marzo de 2021. O comité clínico da Xunta de Galicia decidiu levantar as restricións especiais o. Mero Barral - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Xa me está tardando unha xenebra que se chame "Sentidiño"...