Así "incumpre" o Sergas a súa propia normativa: "deixaron descuberta a praza deliberadamente"

Sanitarios do CHUS denuncian que a área de Santiago deu ordes de non cubrir unha baixa coñecida de antemán, incumprindo a normativa anticovid do Sergas. Finalmente --explican--, a vacante foi substituída pero ante a negativa de algúns cargos superiores.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/03/2021 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

Nova denuncia na Área Sanitaria de Santiago-Barbanza. Malia o descenso relativo da incidencia covid sobre os hospitais, a falta de persoal que veñen denunciado enfermeiros e doutores do complexo clínico compostelán segue a xerar situacións de protesta. A derradeira veu dada polo feitos acontecidos na noite no pasado luns 8; na que, segundo varios traballadores, se volveu quebrantar a propia lexislación do SERGAS.

UCI do Hospital Clínico de Santiago
UCI do Hospital Clínico de Santiago | Fonte: Ana Varela - Xunta.

Os presuntos feitos, que veñen de ser postos en coñecemento da Área Sanitaria, déronse na zona covid do hospital. Nela traballa persoal médico, de enfermaría e celadores. Son estes últimos os que veñen de denunciar esa falta de persoal da que responsabilizan directamente os seus superiores. Segundo narran no documento dirixido á xerencia --e asinado por 5 profesionais-- o conflito comezou cando, ao chegar á súa quenda, un dos profesionais puido comprobar que se atopaba só, no canto de contar con outro celador.

A baixa, explican os traballadores, era coñecida polo encargado de celadores e outros cargos de responsabilidade, que decidiron --“deliberamente”-- deixar descuberta a praza, dando ordes “de non cubrila polos seus subordinados”, segundo destacan os traballadores. Esta decisión vén de motivar as críticas dos traballadores do CHUS implicados, xa que implicaría un incumprimento das ordes da propia Xunta de Galicia.

DESCANSOS OBRIGADOS POR LEI

E é así porque, ante a falta do seu compañeiro, o profesional celador teríase visto obrigado a permanecer “durante dez horas” e “sen realizar os descansos pertinentes” na área; tarefa especialmente dura ante a necesidade de portar EPI, cuxas incómodas consecuencias xa foron relatadas a Galicia Confidencial meses atrás

Esta falta de descansos, din os traballadores, supoñería un incumprimento da orde do 27 de novembro de 2020 --“publicada no DOG nº 242 do 1 de decembro de 2020”-- que dá conta da obrigatoriedade de que as persoas con EPI completo teñan a posibilidade de facer “dúas pausas” que, nunha quenda de 10 horas, --como era o caso-- poderían sumar 60 minutos entre ambas.

Segundo explican os traballadores implicados no escrito de denuncia, a baixa foi substituída polo encargado de celadores pero coa negativa do coordinador da mesma área. Os traballadores do CHUS veñen denunciando nos últimos meses unha anemia crónica de recursos humanos que, din sanitarios de toda Galicia, garda relación coa política de “maltrato” practicada pola xerencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta