Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/09/2013 | Actualizada ás 10:42
Por que non pode haber unha Navia, ou unha Iria na Patagonia, ou, en Tierra del Fuego?. Precisamente, con ese obxectivo, o de popularizar os nomes galegos en diferentes países con forte presenza galega, a Asociación Cultural Fillos de Galicia acaba de poñer en marcha unha interesante iniciativa.
Aproveitando a importante comunidade de emigrantes e descendentes galegos, esta asociación quere contribuír para que cada vez haxa máis fillos, netos e bisnetos de galegos que leven "con orgullo un fermoso nome claramente galego".
Libro cos nomes galegos
Por iso, e coa axuda da Secretaría Xeral de Emigración, acaba de editar un libro que reúne máis de 1.000 nomes galegos de muller e de home. "Agora queremos enviárllelos a todas as persoas interesadas en telos e que o van recibir gratuitamente en calquera lugar da diáspora onde residan", apunta Manuel Casal Lodeiro, impulsor desta iniciativa. Para o solicitaren só teñen que deixar un comentario ao pé desta páxina dicindo en qué país ou rexión viven.
Sen embargo, para sufragar parte dos envíos destas publicacións, a asociación pide a axuda dos galegos a través dunha iniciativa de crowdfunding na plataforma Verkami .
Participación
"Convidamoste a participar, na medida das túas posibilidades, neste proxecto cultural, axudándonos a xuntar os cartos que nos faltan para facer os envíos postais dos libros. Se contribúes para que un galego ou galega na emigración teña este libro de nomes, probablemente dentro de non moito haxa unha nena ou neno de orixe galega, en calquera curruncho do mundo, que terá un nome galego grazas á túa xenerosidade e compromiso", sinala nun comunicado.
Ademais cada mecenas terá unha recompensa pola súa achega, variada en función dos cartos que achegue. En todo caso, insiste en que aínda se superen os 330 euros que precisan para o envío de 50 exemplares, non se deixe de apoiar esta iniciativa porque "cantos máis apoios económicos, máis exemplares se poderán enviar a máis galegos do exterior".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.