O xulgado rexeita a denuncia da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra contra o presidente de Ence

Argúe que as súas declaracións "supoñen a definición da posición da empresa nun debate público ao que ten tanto dereito" como a APDR.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 17/03/2021 | Actualizada ás 15:56

Comparte esta noticia

O Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra inadmitiu a trámite a denuncia interposta pola Asociación pola Defensa da Ría (APDR) contra o presidente de Ence, Ignacio de Colmenares e Brunet.

Planta de Ence en Pontevedra
Planta de Ence en Pontevedra | Fonte: Europa Press.

O colectivo ecoloxista presentara denuncia ante o xulgado de garda logo de facerse pública unha gravación na que, ante persoal da empresa, Ignacio de Colmenares fai referencia á tramitación do proxecto de Lei de Cambio Climático e afirma que a caldeira de recuperación da fábrica de Pontevedra é inestable e que o sistema actual pode provocar "un susto maiúsculo ambiental en calquera momento que pode afectar as persoas".

Na súa resolución o maxistrado indica que "en ningún caso cabe pretender que as manifestacións referidas supoñan ningunha ameaza en sentido penal contra ningunha persoa nin institución".

Para o titular do Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra as declaracións contidas no vídeo "supoñen, en todo caso, a definición da posición da empresa nun debate público ao que ten tanto dereito como ten a asociación denunciante para defender a posición contraria".

E engade o xulgado que "o uso da expresión ameaza neste contexto non se compadece co alcance do seu uso no Dereito penal". O maxistrado sinala que a sospeita da asociación denunciante "non deriva do feito coñecido (que se fixo unha declaración), senón que derivaría de, primeiro, entender que esa declaración describe unha realidade (deficiencias na maquinaria e alcance das deficiencias) e que, ademais, esa realidade sospeitada produciu uns efectos sobre os que non hai sequera afirmación na denuncia".

Ademais, o xuíz subliña que a mala conservación de maquinaria neste tipo de instalacións podería supor "a comisión de infraccións administrativas, pero non a comisión de delitos".

O proceso penal, segundo destaca o maxistrado no auto, contra o que cabe presentar recurso, "non é o instrumento adecuado para reaccionar ante sospeitas de posibles infraccións da normativa administrativa".

Finalmente conclúe que "non procede abrir dilixencias previas para verificar os extremos indicados na denuncia nos termos en que se presentou". Así, entende que os feitos denunciados "se cinguen a que se produciron unhas manifestacións nun contexto concreto e, así definidos, non indican a comisión de delito".

O xuíz especifica no auto que, se a partir das sospeitas xeradas por esas declaracións, a asociación denunciante APDR ou o Ministerio Fiscal verifican que existen outros feitos diferentes a esas manifestacións, "haberá que valorar en que se concretan para decidir se procede a apertura dun proceso penal", pero esa eventual decisión sería acordada noutro procedemento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta