Que ver nesta primavera: cometas, chuvia de meteoritos e conxuncións luares

A estación, que comeza este sábado, durará 92,75 días.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/03/2021 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Chega a primavera. Este sábado 20 de marzo ás 10.37 horas dará comezo esta estación no hemisferio boreal e, polo tanto, o outono no hemisferio austral. Dito instante coincide co paso do Sol polo punto Aries, un dos dous de corte da eclíptica co ecuador celeste. Por esa razón, este sábado o Sol sairá exactamente polo leste, producíndose o solpor xusto polo oeste. Teoricamente, nese día, a duración das horas de luz coincidirán coa duración da noite. Cando remate a estación que agora se inicia, o 21 de xuño ás 5.32 horas, teremos na nosa latitude unhas 15 horas de luz e nove de escuridade.

“De todos os xeitos, ao longo do ano sempre hai máis horas de claridade debido a dous fenómenos relacionados coa atmosfera, a refracción da luz e o crepúsculo”, explica José Ángel Docobo, director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC. Debido á primeira, os astros vense máis altos do que realmente están, en particular o Sol. “Por exemplo, cando vemos meterse o Sol polo horizonte na tardiña, realmente xa está por baixo do horizonte”, afirma. No caso do crepúsculo, unha vez que xa tivo lugar o solpor, permanece durante un certo tempo a claridade debido a que o Sol continua iluminando a atmosfera.

Das catro estacións do ano, a primavera boreal é a segunda en duración (92,75 días), só superada polo verán (93,65 días), pero con tres días máis que o outono e case catro  máis co inverno. “Ao longo do presente século a primavera comezará entre o 19 e o 21 de marzo, e dado que este ano a primeira lúa chea da primavera terá lugar o 28 de marzo, tócalle ser o domingo de Pascua ao 4 de abril, inmediato domingo logo daquela”, continúa o profesor Docobo.

FENÓMENOS ASTRONÓMICOS

A mediados de abril poderase observar con prismáticos o cometa c/ 2020 R4 (Atlas) e tamén, o 22 do mesmo mes, terá lugar a choiva de estrelas fugaces Líridas. Porén, agárdase maior intensidade de meteoros nas Eta-Acuáridas cun pico o 5 de maio. Asemade, nos vindeiros meses, haberá varias conxuncións interesantes da Lúa cos planetas  Xúpiter e Saturno nos seguintes intervalos: do 5 ao 8 de abril, do 3 ao 6 de maio, e do 30 de maio ao 2 de xuño. O planeta Mercurio estará nas mellores condicións de poder ser observado a simple vista en torno ao 17 de maio logo do solpor. Aínda así, pode que o fenómeno astronómico mais relevante da primavera sexa a eclipse anelar de Sol na mañá do día 10 de xuño, que na Península se verá como parcial cunha duración de preto de dúas horas.

TEMPO DO INVERNO

Na faceta meteorolóxica da capital de Galicia, foron especialmente chuviosos os últimos dez días de decembro (96,5 litros/m2) e, sobre todo, febreiro (356,2 litros/m2). Xaneiro obtivo 224,6 litros/m2 e 20 litros/m2 foron rexistrados nos 20 primeiros días de marzo. En total, no inverno, o Observatorio de Santiago rexistrou 697,3 litros/m2.

Esta cantidade de choiva recollida é a oitava cantidade máis elevada nun inverno do presente século en Compostela,  lonxe dos 1.445,7 l/m2 do 2001, dos 1.202,7 l/m2 do 2014, ou dos 1.091,7 l/m2 de 2010, pero por enriba da media dos invernos dos últimos 50 anos (592,8 litros/m2). Nos 89 dias de inverno, en Santiago rexistrouse precipitación en 57 xornadas, se ben en catro delas foi inapreciable (menos de 0,1 l/m2), sendo o 11 de febreiro o día máis chuvioso con 56,9 litros/m2.

Polo que atinxe ás temperaturas, a máxima foi de 20º9 (15 de febreiro), seguida dos 20º6 e 20º4 dos días 15 e 17 de marzo respectivamente. En canto ás mínimas, cómpre destacar os sete días de xaneiro con temperaturas baixo cero, especialmente o día 16 con -2º3, o día 5 con -2º2, e o 13 con -1º9.

Balance de datos meteorolóxicos en Galicia
Balance de datos meteorolóxicos en Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta