Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2021 | Actualizada ás 11:37
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, situou este mércores entre as súas principais "preocupacións" o feito de que o seu Executivo solicitase hai "semanas" á Delegación do Goberno autorización para contar cun espazo nos aeroportos e estacións de tren de Galicia para poder facer cribados e incidir na prevención fronte o coronavirus, e esta petición siga pendente da luz verde de Aena.
"A resposta é que está en trámite e necesita ser aprobado polo Consello de Aena, que se reúne unha vez ao mes. Esa é a miña primeira preocupación", dixo Feijóo, na sesión de control ao goberno.
Na mesma xornada na que comparece o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para informar as decisións do comité clínico autonómico, e ás portas de Semana Santa, Feijóo expuxo esta queixa e incidiu en que todos os esforzos deberían estar concentrados agora en combater a covid-19.
O Executivo autonómico xa informara de que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) preparaba un dispositivo para iniciar cribados aos viaxeiros que cheguen ao aeroporto da Coruña e tamén tiña intención de estendelo a aquelas persoas que o fagan á estación de tren.
No seu momento trasladouse que o paso contaba co visto e prace da Delegación do Goberno e que o Sergas estaba en contacto con Aeana para poder organizar o dispositivo. Fontes da Xunta apuntaron que o obxectivo era facelo en todos os aeroportos e estacións de tren e co foco en Semana Santa, á vez que lamentaron que a tardanza en recibir a luz verde xa non permitirá actuar coa antelación que desexaba o Executivo autonómico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.