Vacina con "happy end"

Hai unhas semanas alguén enviou a un dos grupos de whatsapp o enlace a un vídeo. Tardei algún tempo en velo, e de certo que o vin de casualidade, habituado como estou a borrar de forma rutinaria a inmensa maioría de memes e chirigotadas que se difunden por eses canais.

Por Emilio Martinez | A Coruña | 25/03/2021

Comparte esta noticia
Nun dos comentarios ao vídeo alguén citou o nome do protagonista, e din un respingo na cadeira. “Ricardo Moreno”, aquel nome retornoume ao instituto de Ribeira no que fixen COU, no ano 1982-1983. Comenzabamos aquel curso coa victoria de Felipe González e para nó era un momento trascendental nas nosas vidas. Ao final do curso  estaba a temida selectividade e logo, con algo de sorte, unha carreira en Santiago, soñada por nós e sobre todo polos nosos pais e nais. Na maioría dos casos seriamos os primeiros da familia que poderíamos optar a un título universitario.
 
Ricardo Moreno era o noso profesor de Matemáticas, un profesor “10”, coñecedor da materia, didáctico, tremendamente paciente, respectuoso, comprometido co traballo de facernos aprender, un enamorado da docencia... Aquel curso tamén tíñamos a Xosé Deira, o profesor de Filosofía, un luxo de profesor, unha persoa maravillosa... Agora, vendo as cousas coa perspectiva que che dan maís de tres décadas non podo menos que agradecer a sorte que tivemos con aqueles profesores.
 
O vídeo de Ricardo Moreno era unha intervención, duns anos antes, nun programa televisivo con Risto Meijide a Eva Hache. Defendía a súa visión da educación, na que ao alumno se lle esixe compromiso, esforzo, e na que a rutina do estudo e o exercicio da memoría teñen un papel fundamental.
 
Estes dias penso moito na necesidade da memoria, nos procesos de aprendizaxe formal pero tamén nos informais e na aprendizaxe colectiva.
 
Na obra de George Orwell “1984”, o protagonista, Winston Smith, traballa no Ministerio da Verdade, e o seu traballo é reescribir o pasado. O “Grande Irmán” sustenta a súa autoridade totalitaria na represión, na vixiancia masiva e na manipulación da información, é dicir, dalgún xeito na inexistencia de memoria, na capacidade de facer desaparecer determinados feitos ou presentalos de forma totalmente deturpada, segundo os intereses de cada momento.
 
Á clase política actual interésalle moito que non teñamos memoria. Escoitas a boa parte da esquerda e a maior parte da dereita e atopas o mesmo. Aquelo de “Onde dixen Digo digo Diego” non é so unha anécdpota do BOE o outro día. Escoitar a José María Aznar sobre o 11-M, na entrevista con Jordi Évole, fainos lembrar a aquela foto manipulada na que Leon Trosky desaparecía do pé dunha tribuna logo de caer en desgracia. Mariano Rajoy é todo un mestre en esquivar preguntas incómodas aducindo non lembrarse de nada.
 
A memoria axúdanos a loitar contra a manipulación, a detectar a incoherencia, a mentira, o engano, a enfrentarnos a todas as formas que utilizan para tratarnos como idiotas.
 
Vou perdirvos que fagades conmigo un pequeno exercicio. Temos que remontarnos a hai cinco anos. Nestes tempos case unha eternidade, un tempo remoto, pero podemos tentalo. 
 
En abril de 2016 José Manuel Soria, ministro de Industria nos gobernos de Mariano Rajoy, tiña que dimitir, ao coñecerse certos asuntiños económicos, logo de facerse públicos os denominados “Papeis de Panama”. A ese escándalo sucedeuno outro uns meses despois. A principios de setembro a oposición, PSOE e Unidas Podemos, e mesmo Ciudadanos, esixían explicacións a De Guindos pola proposta de Soria como director executivo do Banco Mundial, un posto en Washington, cun salario elevado, de orde dos 225.000 euros anuais. As críticas non viñan só da oposición. Non poucos presidentes autonómicos populares, entre eles Núñez Feijoó, afearon o nomeamento. Ao final, Soria, un técnico comercial do Estado de escasa experiencia profesional, xa que ocupaba cargos políticos dende había maís de 20 anos, non chegou a tomar posesión.
 
Saltamos a xaneiro de 2021. En España comenza a campaña de vacinación polo Covid19. Eiquí e alí van xurdindo casos de amiguismo, corrupción, que salpican a políticos, funcionarios, bispos, empresarios, que dunha ou doutra forma utilizan os seus postos para saltarse os protocolos e arrimar o brazo á agulla. Entre os moitos escándalos algúns sáldanse con dimisións, outros con ceses, e outros con toda unha serie de excusas increíbles, que podemos resumir en: “Porque yo lo valgo”. Un dos escándalos afectou á cúpula militar. O xefe do Estado Maior da Defensa, JEMAD, o Tenente Xeneral do Exército do Aire, Miguel Ángel Villaroya, puxérase entre os primeiros na cola para a vacina. O xeneral, ante a crítica social, presentou a dimisión, que foi aceptada rapidamente pola Ministra de Defensa Margarita Robles. A búsqueda dun novo destino non lle levou moito tempo. Mediado marzo leemos que ao exJEMAD xa lle atoparon nova ocupación, nen maís nen menos que en Washington, como conselleiro de Defensa na Misión Observadora  Permanente de España ante a Organización dos Estados Americanos e asesor para Asuntos de Seguridade Hemisférica, un posto de estatus diplomático e cun salario que rondará os 200.000 euros anuais, tirando polo baixo. 
 
Atopades paralelismos entre o caso de Soria e o do xeneral Villaroya?. PSOE e Unidas Podemos parece que non. Si o primeiro era un escándalo, o segundo parece que nin merece un comentario, e moito menos que se dean explicacións no Congreso. Seguramente o silencio e a lealtade hai que pagala. A vacina do xeneral tivo, para él, un final feliz. 
 
A dimisión de Villaroya parece que non foi un recoñecemento de culpa. A aceptación da dimisión, pola ministra de Defensa, non parece que tivera como obxectivo dar a mensaxe de que todo alto cargo debe dar exemplo. Todo foi simplemente un sainete, unha ópera bufa, un pouco de circo para manter contento ao pobo.
 
O meu profesor de matemáticas  defendía a memoria como un instrumento imprescindible para a aprendizaxe. Tal vez a memoria non evite que algúns políticos ou políticas (ministra Robles vai por vostede) nos traten de idiotas, pero polo menos darémonos de conta. Triste consuelo.

Un viario coa vacina de AstraZeneca contra a Covid-19
Un viario coa vacina de AstraZeneca contra a Covid-19 | Fonte: Jorge Gil - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.