18 de febreiro, cada voto conta

Cada campaña electoral ten as súas polémicas e discusións. A apenas uns días de que os galegos e galegas decidamos o futuro queremos para Galiza, na esquerda continuamos falando da maldición que supón a división do voto entre diversas forzas a diferenza da hexemonía case absoluta do Partido Popular entre a dereita.

Por Emilio Martinez | A Coruña | 15/02/2024

Comparte esta noticia
Os precedentes son os que son. Nada bos. Nas pasadas eleccións Xerais a dispersión do voto nas provincias de Ourense e Lugo, entre PSOE, BNG e Sumar, supuxeron o terceiro deputado ao PP en cada unha desas circunscricións, engadindo dificultade á conformación dun goberno progresista que parara á extrema dereita. A culpa non é só do sistema electoral.  No caso do Senado o sistema maioritario, cunha esquerda dividida, garante ao PP 12 deputados dos 16 que se escollen, cando un reparto de 8 senadores da dereita e 8 da esquerda sería o que mellor reflectiría a realidade do corpo electoral galego.
 
Nun sistema democrático todo partido político está no seu pleno dereito de presentarse a unhas eleccións, non ten, dende logo, que pedir permiso nin dar explicacións. Faltaría máis. Si Izquierda por Almería se quere presentar por Lugo... pois que así sexa!.
 
Pero o dereito que ten un partido para presentarse, o dereito que ten a pedir o voto aos electores e electoras, o dereito que ten calquera cidadán a parte dunhas listas, é exactamente igual ao dereito que temos calquera de nos para cuestionar esas listas, igual ao dereito que temos a criticar, con toda a contundencia si así nos prace, tanto os programas que podan defender como as razóns, coñecidas ou agochadas, que están detrás dunha ou doutra candidatura.
 
O 18 de febreiro Galiza ten a oportunidade de comezar un camiño novo, ten a oportunidade de abrir as ventás e facer que entren ideas novas que convertan á Xunta de Galiza nun verdadeiro goberno e deixe de ser o inmenso negociado de intereses que é hoxe. Non vai ser doado, o sabemos. Coñecemos o papel dos medios de comunicación e coñecemos tamén como o reparto de escanos beneficia ás circunscricións máis conservadoras.
 
Para que o 18 os desexos de cambio se convertan en realidade é preciso que se dean varias circunstancias, e cito dúas: unha mobilización do electorado progresista moi importante e que os votos que se perdan por apoiar candidaturas que non acaden representación sexan os mínimos posibles. Axudaría tamén, todo debe dicirse, que Democracia Ourensán e Vox  contribuíran á dispersión do voto conservador, un chisco polo menos.
 
A reflexión anterior da pé a cuestionar a candidatura presentada por Podemos. Esta organización non se presenta ás eleccións con ánimo de acadar representación. Eles son os primeiros que saben que non o van facer: o seu único obxectivo é facer dano a Sumar. O maior éxito que Podemos pode agardar en Galicia, e que sería aplaudido ata rabiar en Galapagar, sería contribuír a que Sumar non acade representación. Non hai outra cousa. O que agardan dende a dirección madrileña é que os escasos millares de votos que podan reunir sexan suficintes para que Sumar non supere a fatídico 5% exixido pola lei electoral galega para obter representación.
 
O outro día paseando pola Coruña atopeime un cartel anunciando un acto electoral de Podemos. No cartel aparecían as fotografías ca candidata pola Coruña, Isabel Faraldo con Ione Belarra e Irene Montero, a feitura recordoume a aqueles montaxes cutres que faciamos na miña época universitaria alá polos 80 no CAF de Económicas de Santiago de Compostela, cortando, pegando e fotocopiando. Ao cartel, para que quedara totalmente representativo da organización e a súa dirección, e darlle un toque especial,  eu teríalle engadido unha foto de Pablo Iglesias suspendido sobre unha nube, iluminando dende o seu santo corazón ao seu rebaño.
 
Podemos xoga en Galiza a facer dano, impasible aínda que ese dano se traduza en facilitar unha nova maioría ao Partido Popular. Nada que poda sorprender dunha candidatura encabezada por unha persoa que só é coñecida, no ámbito político, por ser unha tránsfuga. Unha característica moi de Podemos: vampirizar o traballo de outros e outras no seu propio beneficio.
 
A de Podemos non é a única lista electoral na que o obxectivo non é acadar representación senón facer dano a unha forza de esquerdas. Na mesma tesitura está a coalición denominada Espazo Común, alentada polo que fora conselleiro de Medio Ambiente e Secretario Xeral do PSdG-PSOE... canto peor sexan os resultados de Besteiro mellor... restarlle uns poucos milleiros de votos son premio suficiente. Aínda que iso contribúa a poñerlle ao PP as cousas mais doadas.
 
Todas as forzas políticas teñen dereito a presentar as candidaturas que consideren pertinentes. Todos os cidadáns temos dereito a expresar libre e publicamente as nosas dúbidas sobre os intereses que están detrás desas candidaturas. Calquera cidadán ten o dereito de pedir que, si de verdade se quere un goberno progresista en Galicia, ningún voto pode ir a Podemos ou a Espazo Común. Cada voto a eles é un voto que beneficia ao Partido Popular. Igual que non votar, como hoxe vin que pedía unha tal Unión Anarco-sindicalista de A Coruña, é apoiar, por omisión, a continuidade das políticas retrógradas na nosa comunidade. 
 
Quedan uns poucos días. O cambio en Galiza precisa de todos os votos. 

Unha persoa sostén papeletas electorais fronte ás urnas
Unha persoa sostén papeletas electorais fronte ás urnas | Fonte: Tomàs Moyà - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.