En maio de 2022 estiven uns días por Porto e merquei o último libro dun dos meus autores de referencia, o xornalista e profesor inglés Paul Mason, a quen xa lle lera hai algún tempo “Postcapitalismo”, de 2015 e “Por un futuro brilante”, de 2019, tanto un como outros traducidos ao castelán. A súa última obra, “Como travar o fascismo”, de 2021, (edición en portugués da Penguin Random House, 2022) é unha análise en profundidade de como as esquerdas, comunista e socialdemócrata, dos anos 20 e 30, foron incapaces ,en non poucos lugares, Alemaña e Italia principalmente, de entender o que estaba a pasar e desenvolver políticas conxuntas entre eles para facer un fronte común ante os movementos fascistas en auxe. Do libro non é difícil tirar reflexións que nos axuden a navegar polas turbulentas augas políticas que hoxe nos tocan, cando menos para tentar non naufragar, xa que navegar antollase mais complicado.
Mason pon sobre a mesa o papel que no enraizamento do nazismo xogaron xuristas como Carl Schmitt, a quen se lle debe o sostén conceptual de atrocidades como as “leis de Nurenberg”. Afiliado ao partido nazi dende 1933 a pesares do seu papel na xustificación dos crimes do réxime hitleriano sobreviviu a este sen ser sequera xulgado. Durante as décadas posteriores, nas que visitaba frecuentemente a España franquista, continuou a profundar, conta Mason, nos seus temas principais: a soberanía dun Estado é determinada pola capacidade para suspender a democracia; o convencemento de que as sociedades mixtas non funcionan e un terceiro, que me chamou a atención: cada Estado defínese polo seu inimigo. Non son cuestións sinxelas ou simples. Schmitt morreu en 1985, case con 100 anos, pero os temas que el abordou, queremos pensar que de xeito errado nas súas conclusións e propostas, continúan, gústenos ou non, a impregnar, aínda que non sexamos conscientes, boa parte do debate político actual.
Continuei revisando as notas doutras lecturas. Naquel ano 2022 fora publicado o libro “Verdades a la cara. Recuerdos de los años salvajes” de Pablo Iglesias, editado polo xornalista Aitor Riveiro (Editorial Navona, 2022). Cando o leín quedei coa sensación de que era un libro que me resultaba difícil encasillar nalgún xénero. A primeira sensación que me causara a lectura enlazaba de forma directa con algunha lembranza da miña infancia... aqueles momentos nos que mentres eu xogaba coa meus coches no chan da cociña escoitaba a miña aboa ler en alto algunha folla da parroquia sobre a vida dalgún santo... O libro non deixa de ser unha defensa a ultranza de todas e cada unha das decisións políticas tomadas polo seu autor... ten o interese de que é un verdadeiro retrato de Pablo Iglesías, en verdade un autorretrato dunha persoa corroída pola soberbia, obsesionada polo Poder, pero incapaz de xestionalo, como incapaz é de aprender dos erros, seguramente porque tamén é incapaz de recoñecelos. Cando menos é a miña conclusión do que el mesmo di no libro.
Unha das notas que tomara chamoume a atención: “Un ao final é os inimigos que ten. Os amigos, tamén, pero, sobre todo, os inimigos: un covarde intelixente e con encanto pode, ao fin e ao cabo, ter moitos amigos”.
Non puiden evitar revisar novamente as notas tomadas do libro de Mason. Sorprendeume, uns instantes, a similitude do razoamento de quen fora un inspirador do ordenamento xurídico nazi e de aquel que fora o creador unha forza política que viña a transformar o mundo e que se situaba, segundo dicían, nas antípodas do fascismo.
Sorprende a similitude do razoamento, porque mais alá da frase resultona e efectista recollida no libro, moi do gusto das intervencións do autor, Pablo Iglesias non deixa de ser un doutor en Ciencias Políticas, profesor tamén, e debemos presupoñer que está familiarizado, cando menos nas súas liñas básicas, co pensamento do xurista nazi. O deslizo verbal nun debate podería ser entendible.. o pensamento impreso... bastante menos.
Cando comecei a mirar algo mais atopei que o meu non era ningún descubrimento: abundaban os artigos en distintos medios nos que se facía referencia a esa sintonía entre o pensamento de Carl Schmitt e o ideario político de Pablo Iglesias, e por ende, antes e hoxe, de Podemos. De feito xa en 2018, cando Podemos era unha organización nova, sen experiencia de goberno, o profesor Josh Booth e o investigador Patrick Baert, ambos da Universidade de Cambridge, publicaran un libro titulado “The Dark Side of Podemos. Carl Schmitt and contemporary progresive populism”.
Eu estou convencido de que non existen, en política, as coincidencias. Afortunadamente o carácter mesiánico do líder de Podemos levou á esta forza política a un paso da marxinalidade, á que sen dúbida chegarán en pouco: para beneficio de todos e todas, abríndose a porta a que se consolide unha alternativa de esquerdas democrática.
O proceso de descomposición acelerada de Podemos non se pode entender sen as accións pasadas e presentes de Pablo Iglesias e a súa corte de aduladores e aduladoras, que primaron o culto ao líder fronte á creación de organización, que manipularon a democracia interna para impoñer os seus intereses... algo que se vía dende fora, e que acabaron vendo os que estaban dentro. Igual que Carl Schmitt defendía que a soberanía do Estado viña determinada pola súa capacidade para suspender a democracia, Pablo Iglesias pensaba que el sería capaz de manipular a democracia da organización ao seu antollo, esqueceuse de que fuxir dunha organización tóxica é moito mais doado que fuxir dun Estado totalitario... Fuxir foi o que fixeron tanto os votantes como os militantes: que sabia decisión.