(Vídeo) Teñen as nenas e nenos estereotipos de xénero asociados ás profesións?

Líbolis e a Deputación da Coruña defenden a necesidade de educar aos nenos e ás nenas en igualdade.

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/03/2021 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A axencia Líbolis, coa colaboración da Deputación da Coruña, publicou un vídeo para concienciar á sociedade sobre a importancia de educar aos nenos e nenas en igualdade, e así romper os estereotipos de xénero asociados ás profesións.

Un neno gravado
Un neno gravado | Fonte: Líbolis

Na peza audiovisual, producida por Moviola Audiovisuales, os e as participantes son nenos e nenas de entre 4 e 7 anos aos que lles preguntaron sobre fotografías que mostraban espazos onde se desenvolven diferentes profesións. Así, imaxinaron como son fisicamente e como se chamarían as persoas que traballan neses lugares. 

As súas respostas, como se pode ver no vídeo, demostran que as nenas e os nenos teñen interiorizado de forma xeralizada os estereotipos de xénero e os aplican de forma clara cando asignan atributos persoais ou roles profesionais. 

"Os estereotipos de xénero consolídanse entre os 5 e os 7 anos. Para combatelos, eduquemos en igualdade". Con esta reflexión péchase o vídeo que foi levado a cabo no centro de inglés Kids&Us Arteixo.

EDUCAR EN IGUALDADE

A iniciativa naceu da necesidade, que comparten ambas institucións, de educar en igualdade aos nenos e nenas promovendo un entorno libre que permita a rapazas e rapaces dedicarse ao que máis lles guste, independentemente do seu sexo e así romper os estereotipos de xénero.

 

Así, defenden dende Líbolis, "educar en igualdade é a solución para combater os estereotipos de xénero que limitan o desenvolvemento infantil e condicionan as expectativas vocacionais de nenas e nenos".

 

MELLORAS

"As estadísticas amosan que en moitas carreiras e estudos tradicionalmente ocupados por homes ou mulleres vanse equiparando os perfís, de maneira que hai posicións que xa tenden a ser ocupadas indistintamente por ambos sexos; pero aínda hai moitas áreas que seguen a estar dominadas maioritariamente por mulleres ou homes", explican. 

"Bombeiro, policía ou mecánico son profesións que seguen a ser asociadas aos homes; pola sua banda, unha enfermeira ou unha limpiadora sempre se vinculou co xénero feminino. Aínda que nos últimos anos houbo avances na eliminación dos estereotipos de xénero, o certo é que seguen existindo moitas ideas estereotipadas acerca da elección profesional", sosteñen dende a axencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta