A Xunta chama á "prudencia" en Semana Santa para poder "seguir desescalando"

"As cifras seguen á baixa" aínda que "con tendencia a estabilizarse", di o vicepresidente Rueda sobre a covid-19 en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/03/2021 | Actualizada ás 14:26

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, apelou a manter a "prudencia" co cumprimento das medidas vixentes durante a Semana Santa para, unha vez pasado este período vacacional, poder "seguir desescalando" nas restricións.

Alfonso Rueda
Alfonso Rueda | Fonte: Xunta de Galicia.

Nunha entrevista concedida este domingo á Radio Galega, o tamén conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo confimou que a situación epidemiolóxica de Galicia é agora "moito mellor" que hai "tres ou catro semanas", xa que "as cifras seguen á baixa" aínda que "con tendencia a estabilizarse".

Ante este escenario, Rueda manifestou o "optimismo" do Goberno, aínda que "con moitísima prudencia", dado "o que está a pasar en tanto países de Europa" coa cuarta onda, "pero tamén noutras comunidades autónomas".

Por isto mesmo, e porque os datos seguen "lonxe de ser tranquilizadores", a Administración autonómica prefire "deixar pasar a Semana Santa", un período de "máis mobilidade e máis momentos de lecer" para logo avaliar se "seguir desescalando".

En palabras do vicepresidente da Xunta, o risco dunha cuarta onda "existe, efectivamente", despois de tres nas que todos pensaban "que xa era a última". "Aquí imos ser moi coidadosos. Nestes días nos que vai haber moita máis mobilidade, a palabra non é cruzar os dedos senón respectar as normas e convencernos de que os incumprimentos nos levan a situacións moi indeseadas", explicou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta