Os paneis solares en vivendas duplícanse en Galicia malia os "atrancos" da Xunta

En só un ano a comunidade pasou de ter rexistradas 449 instalacións a 866.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2021 | Actualizada ás 11:52

Comparte esta noticia

O mercado das instalacións de autoconsumo eléctrico (paneis fotovoltaicos) disparouse en Galicia nos últimos meses e, aínda que o número de instalacións rexistradas se duplicou en menos de medio ano, os expertos alertaron de que non todas son rendibles, especialmente no caso dos particulares, e de que "falta información" e "pedagoxía" sobre este tipo de infraestruturas. Por outro lado, a cifra de duplicación non deixa de ser significativa tendo en conta os moitos "atrancos" da Xunta a estas instalacións, de acordo coas denuncias de diversas asociacións ecoloxistas.

O Rexistro de Autoconsumo de Galicia, posto en marcha en marzo de 2020, conta actualmente cunhas 866 instalacións, con capacidade para xerar algo máis de 83,5 megawatts. En setembro do ano pasado, as instalacións rexistradas eran 449, un número que practicamente se duplicou desde entón.

Por provincias, Pontevedra é a que conta con maior número de instalacións, 325, que suman unha potencia de 44 megawatts; seguida pola Coruña, con 311 instalacións que suman 36,6 megawatts. Na provincia de Lugo hai rexistradas 150 instalacións, con 1,7 megawatts; e na provincia de Ourense hai outras 80 instalacións, con algo máis dun megawatt.

Estas cifras, no entanto, non reflicten a totalidade das instalacións existentes, xa que algunhas aínda están en trámite de rexistro e outras moitas están pendentes da resolución de subvencións para a súa posta en marcha. O crecente interese por parte de empresas e particulares neste tipo de infraestruturas reflíctese na gran demanda de subvencións para financialas. De feito, a administración esgotou as axudas previstas en orzamentos este ano para este ámbito, coa concesión de 494 subvencións.

No ano 2020, a Consellería de Economía, Empresa e Innovación destinou 8,5 millóns a 954 axudas para o autoconsumo: algo máis de 2 millóns para 514 axudas destinadas a particulares; 4,4 millóns en 260 axudas para entidades sen ánimo de lucro, administracións locais, empresas e autónomos; e outros 2 millóns de euros para 180 proxecto enmarcados en axudas ao sector agrícola primario.

Arquivo - Paneis solares. EUROPA PRESS - Arquivo
Arquivo - Paneis solares. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta