Pásame o ariete

A principios dos anos 80 caeu nas miñas mans o libriño “O mundo da publicidade”, publicado pola editorial Salvat nunha desas coleccións de divulgación nas que ás veces aparecen pequenas xoias.

Por Emilio Martinez | Santiago de Compostela | 08/04/2021

Comparte esta noticia

Asinaba a obra Miguel Ángel Furones, un nome que naquel momento non me decía nada, pero que hoxe sei é un publicista cunha traxectoria impresionante en empresas como Contrapunto, Vitruvio (da que foi fundador) ou Leo Burnett, na que durante anos exerceu de director creativo a nivel mundial. Daquel libro recordo pouco, pero lembro, vivamente, un dos exemplos que recollía. Furones defendía a importancia da creatividade na publicidade, ideas que dan no cravo, que fan que unha persoa preste atención, que consiguen que non se pase de longo ante un anuncio. O exemplo que lembro era unha campaña, en Estados Unidos, dunha asociación de dereitos civís. Aquela organización enfrontábase ás pretensións da Asociación Nacional do Rifle, o coñecido e poderoso lobby, de relaxar as restriccións á compra de armas. A campaña da ANR tiña como idea forza a de que a posesión dun arma dába a oportunidade de defensa no caso dun ataque por algún delincuente. Os anuncios dos do rifle multiplicábanse en xornais, revistas, radios e televisións. Unha empresa de comunicación ofreceuse a colaborar coa asociación de dereitos civís, pero o parco orzamento apenas daba para unha tirada de carteis en branco e negro. Como tantas veces David enfrontábase a un enorme Goliat. Os publicistas pasaron días dándolle voltas ao asunto, ata que deron coa idea. O resultado era un cartel en branco e negro cunha única foto e unhas poucas palabras: o cañón dun revolver que miraras dende onde miraras sempre parecía que che estaba apuntando; o texto, simple e directo: “Asociación Nacional do Rifle... agora mirao dende o noso punto de vista”.

Mirar as cousas dende o punto de vista dos outros, poñerse no lugar dos demais, foron os consellos que me deron na casa nos primeiros anos de militancia política, a principios dos 80. Teño que recoñecer que non sempre fun quen de seguilos, era moito o ardor revolucionario e a presa por facer a revolución,  e o mundo era mais doado de comprender si so había branco e negro, si so había bos e malos. Co tempo aprendín que as cousas seguramente non eran tan así, e que era millor que non o foran.

Estes días andamos revoltos co debate sobre a legalidade ou non da entrada da policía en viviendas nas que se celebran festas ilegais, nas que os participantes néganse a identificar ante as peticións dos axentes. Abundan as declaracións de xuristas, e tamén editoriais, que non respaldan estas accións. A cuestión seméllame algo mais complicada do que moitos pretenden, a resposta menos obvia do que parece.

No debate debemos ter en conta, de partida, varios aspectos: a necesaria proporcionalidade do uso da forza por parte dos corpos policiais, e a obrigatoriedade de que as súas actuacións conten con respaldo legal. Esquecer estes principios básicos diría moi pouco da calidade do Estado de Dereito no noso país.

Unha primeira cuestión é o dereito á inviolabilidade do domicilio, garantida na Constitución, un dereito fundamental, e que se extende ás habitacións de hotel e a vivendas vacacionais. Para min a dúbida xurde en si debe considerarse domicilio un local, incluida unha vivenda, cuxo uso está exclusiva, ou principalmente, ligado a servir para celebrar festas. Tal é o caso de moitos pisos turísticos en moitas cidades. Pisos que se alugan por noites co único obxectivo de organizar unha festa privada, mesmo cobrando pola entrada.

Moitos dos que se botan as máns á cabeza ante a irrupción da policía no pisazo de Madrid, por poñer o exemplo que está en boca de todo o mundo, onde os niñatos pijos se solazaban advirten da falta de xustificación da actuación policial. Argumentan que a festa, ainda que fora unha festa ilegal, non constituiría mais que unha infracción administrativa, o que non xustificaría a entrada pola forza, sin unha autorización xudicial. Efectivamente as festas ilegais non están tipificadas como delito, en si mesmas, ainda que tal vez deberían estalo, atendendo a determinadas circunstancias. No noso marco xurídico son innumerables os feitos que, dependendo das circunstancias ou duns parámetros prefixados, son infraccións administrativas ou son delitos. Exemplos abondosos temos nas normas referentes á seguridade vial: superar nunha proba de alcoholemia os 0,60 miligramos de alcohol por litro é un delito, igual que exceder a velocidade permitida en 60 km/hora nunha vía urbana.

Pero mentres agardamos por unha reforma do Código Penal, no caso das festas en vivendas, ou calquera outro local, tal vez existan situacións nas que non sexan, xa hoxe, meras infraccións administrativas. Non é o mesmo, poñamos por caso, unha festa nunha torre de oficinas, nas que non existen terceiros perxudicados, cando menos dunha forma directa e identificable, que unha festa nun edificio de vivendas onde se impide o descanso dos outros veciños. Nestes casos estamos ante unha simple infracción administrativa ou se está producindo un delito, na forma da alteración grave da vida de terceiras persoas?. Estou convencido que, en casos así, a policía non só ten o dereito senon tamén o deber de intervir, utilizando a forza chegado o caso, ao obxecto de devolverlle ás persoas perxudicadas o seu dereito ao descanso (que está moi por riba do dereito á farra de calquera, con pandemia ou sen pandemia).

Recoñezo que neste asunto, exemplificado no mentado piso-discoteca madrileño, cóstame pouco poñerme nas zapatillas e o pixama do veciño que chamou desesperado á policía, despois de varios días sen poder descansar.  Pola contra son incapaz de poñerme na pel dos que o pasaban en grande. Tal vez porque quen escribe, igual que moitos veciños e veciñas de Santiago de Compostela, sofre cada ano eses males, que lembremos son anteriores á pandemia, e vexo como lexislatura tras lexislatura (da igual que goberne o PP, que goberne o PSOE ou o faga Compostela Aberta) quenes deberían poñer os medios para cortar pola raiz o problema, prefiren ollar para outro lado, seguramente por falta de tempo  ocupados como están inaugurando columpios ou as tapas dos sumidoiros. Garantir o dereito ao descanso da veciñanza non da para foto.

Os meus parabens para o mando responsable da operación policial, que non dubido actuou con pleno senso do deber e facendo un uso proporcional da forza. Que alguén se tome o traballo en serio é de agradecer nun país dominado pola cultura do escaqueo e o “volva vostede mañán”.

Detención dun home por presunta relación con morte doutro nunha festa ilegal en Marbella. CNP
Detención dun home por presunta relación con morte doutro nunha festa ilegal en Marbella. CNP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recuros Humanos, a Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é vicexerente para o campus de Lugo, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.