Ibuprofeno contra a covid-19, si ou non?

Científicos galegos achegan datos que defenden a seguridade e beneficios dos medicamentos antiinflamatorios non esteroideos para tratar esta enfermidade. Outro estudo con participación galega apunta que os extractos de froitas e follas dun tipo de mangleiro poderían usarse con fins terapéuticos en resposta á covid-19.

Por Alberto Quian | Madrid | 22/04/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A polémica acompaña o ibuprofeno desde o inicio da pandemia de covid-19. O seu uso en pacientes contaxiados co coronavirus SARS-CoV-2 segue xerando controversia desde que en marzo de 2020, o ministro de Sanidade francés, Olivier Véran, dixera que tomar antinflamatorios como o ibuprofeno “podería ser un factor agravante para a infección” por coronavirus. Nada máis lonxe da complexa realidade, segundo as evidencias científicas.

Persoal sanitario atende un paciente de Covid-19 na UCI do hospital Povisa
Persoal sanitario atende un paciente de Covid-19 na UCI do hospital Povisa | Fonte: Miguel Riopa - Remitida por Povisa.

“O ibuprofeno e outros medicamentos antiinflamatorios non esteroideos non teñen efectos prexudiciais e posiblemente si teñan efectos positivos” nos pacientes con covid-19, segundo un equipo de científicos do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) da Universidade de Santiago de Compostela, e do Centro de Investigación Biomédica en Red sobre Enfermedades Neurodegenerativas (CIBERNED) en Madrid.

Estes fármacos están baixo sospeita porque se cre que activan a porta para que o coronavirus penetre nas células a través dos receptores de ACE2 

A discusión sobre o uso de medicamentos antiinflamatorios non esteroideos contra a covid-19 non só é política e social, tamén científica. Ante esa controversia, estes investigadores quixeron achegar respostas empíricas.

Estes fármacos están baixo sospeita porque se cre que activan a porta para que o coronavirus penetre nas células a través dos receptores de ACE2 (Encima Convertedora de Anxiotensina 2) que estimulan estes medicamentos. A proteína ACE2 é unha encima que axuda a regular a presión sanguínea.

O que argúen algúns científicos é que fármacos como o ibuprofeno aumentan a expresión desta encima, unha das proteínas que o virus utiliza como punto de unión ás células, o que facilitaría a infección. Pero só é unha hipótese que se sustenta en “datos experimentais escasos e controvertidos”, advirten os científicos do CIMUS e de CIBERNED.

Fronte a esa hipótese, hai evidencias que apuntan a que medicamentos como o ibuprofeno non só non son malos para tratar pacientes con covid-19, senón que ademais poden ser beneficiosos.

Os membros do CIMUS e do CIBERNED investigaron en ratas os efectos do ibuprofeno sobre os niveis pulmonares de ACE2 e outros compostos importantes do sistema hormonal renina-anxiotensina-aldosterona (secuencia de reaccións deseñadas para axudar a regular a presión arterial). As análises aplicáronse en ratas adultas saudables e outras con obesidade, hipertensión e hiperglucemia, pois se sabe que os pacientes humanos con estas patoloxías son máis vulnerables á covid-19 grave.

"Estes resultados apoian estudos clínicos que suxiren que o ibuprofeno e outros antiinflamatorios non teñen efectos prexudiciais e posiblemente si teñan efectos positivos contra a covid‐19”

Os investigadores consideran que “aínda que os resultados se obtiveron en modelos de rata e cultivo, apoian os estudos clínicos que suxiren que o ibuprofeno e outros medicamentos antiinflamatorios non esteroideos non teñen efectos prexudiciais e posiblemente si teñan efectos positivos no resultado da covid‐19”.

Apuntan, así, ao potencial do ibuprofeno para “inhibir respostas inflamatorias, fibróticas e trombóticas”. E destacan que “en cultivos de células pulmonares humanas, a sobreexpresión inducida polo ibuprofeno do receptor principal do SARS-COV-2 (ACE2) foi contrarrestada por mecanismos inducidos polo ibuprofeno que reducen a internalización da proteína do SARS-COV-2”.

As súas achegas publícanse nunha carta ao editor da revista científica Clinical and Translational Medicine.

MÁIS EVIDENCIAS

A achega destes investigadores pretende sumarse ás evidencias científicas coas que se defende o uso do ibuprofeno en pacientes covid.

Outro estudo recente con ratos –este de científicos da Universidade de Yale (Estados Unidos)– mostrou que os medicamentos antiinflamatorios non esteroides reducen as respostas inflamatorias e de anticorpos á infección por SARS-CoV-2.

A actividade antiinflamatoria de fármacos como o ibuprofeno “podería ser prexudicial ou beneficiosa, segundo o momento de administración”

“Os medicamentos antiinflamatorios non esteroideos, que se utilizan con frecuencia para aliviar a dor e a inflamación, poderían modular tanto a infección por SARS-CoV-2 como a resposta do hóspede ao virus”, destacaron estes autores.

É dicir, poden aliviar a enfermidade, pero tamén poderían complicar a súa evolución se se administran ao paciente nunha fase da covid-19 inadecuada.

A actividade antiinflamatoria de fármacos como o ibuprofeno, segundo estes investigadores, “podería ser prexudicial ou beneficiosa, segundo o momento de administración”, desaconsellándose o seu uso no inicio da infección e recomendándose en fases máis avanzadas, sobre todo se se produce a coñecida como tormenta de citoquinas, unha resposta inflamatoria descontrolada e xeralizada do sistema inmunolóxico e potencialmente mortal.

A recén creada Sociedad Española Multidisciplinar del Dolor (SEMDOR) vén de defender, no seu primeiro congreso, a seguridade do ibuprofeno, afirmando que este fármaco non agrava os cadros de infección polo coronavirus.

“O ibuprofeno non só non agrava aos pacientes de COVID-19, senón que é un dos mellores  antiinflamatorios nestes cadros de infección, xa que contrarresta gran parte das proteínas  proinflamatorias en maior cantidade do que o fai o paracetamol. Por iso, a nosa proposta nos pacientes COVID-19 é o uso do  ibuprofeno en lugar do paracetamol para o tratamento da febre”, defenden os médicos desta sociedade.

É máis, afirman que de entre os analxésicos estudados, o ibuprofeno é o que “mellor amortece” a tormenta de citoquinas xerada pola infección de covid-19, mentres que o paracetamol sería “o peor”, segundo os resultados deste congreso.

O ibuprofeno, din, “é un aliado contra a covid-19” ao “diminuír a maioría de proteínas proinflamatorias”.

Iso si, ninguén debe pensar que a covid-19 se cura con ibuprofeno, algo falso que se difundiu por redes sociais.

INHIBIDORES

A estreita relación do coronavirus coa encima de conversión da anxiotensina suscitou numerosas especulacións polo posible papel do sistema renina-anxiotensina- aldosterona na  regulación da infección. A alerta xerada cuestionou o emprego de fármacos inhibidores deste sistema, tanto os inhibidores da encima de conversión da anxiotensina como os antagonistas do receptor da anxiotensina II.

Varios estudos non atoparon asociación entre inhibidores do sistema renina-anxiotensina-aldosterona e unha maior susceptibilidade á infección ou cunha peor evolución clínica

Esta situación motivou a publicación de varios estudos que non atoparon asociación entre o uso de inhibidores do sistema renina-anxiotensina-aldosterona e unha maior susceptibilidade á infección ou cunha peor evolución clínica.

Unha das últimas achegas científicas nesta dirección está asinada por 31 investigadores en nome do proxecto HOPE COVID-19 –Rexistro Internacional de Avaliación Clínica Covid-19–, no que participan hospitais de todo o mundo, incluídos o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela e o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Os nosos descubrimentos”, din, “descartan calquera efecto nocivo dos inhibidores do sistema renina-anxiotensina-aldosterona durante a hospitalización por covid-19” e “suxiren un beneficio potencial para a súa introdución nos casos con indicación deste tratamento”.

As súas conclusións baséanse nos resultados dun estudo con 6.503 pacientes de España e Italia que lles permite asegurar que “a prescrición hospitalaria” destes inhibidores “está asociada a unha mellor supervivencia e menos complicacións a curto prazo”.

BUSCANDO SOLUCIÓNS EN PLANTAS

Outro avance na investigación sobre fármacos para a covid-19 con contribución galega apunta a que fitoquímicos extraídos de Avicennia officinalis, un tipo de mangleiro, poderían axudar ao desenvolvemento de tratamentos contra esta enfermidade. En concreto, os investigadores avaliaron os seus efectos potenciais contra a proteasa principal do SARS-CoV-2 (M-pro).

O desenvolvemento de fármacos candidatos para inhibir a encima clave do coronavirus é esencial na loita contra a covid-19, xa que esta encima ten un papel esencial na replicación do virus.

Para estes investigadores, os fitoquímicos (compostos químicos producidos polas plantas) “representan opcións de tratamento potenciais, porque mostran actividades antioxidantes, antivirais, antibacterianas e antimicóticas e poden inducir a prevención do cancro, a estimulación encimática ou outras funcións hormonais”. E a pandemia do coronavirus “estimulou varios intentos para identificar se algún composto activo atopado nas plantas podería inhibir a propagación da covid-19”, explican.

Nesta liña, consideran que “a química medicinal pode usarse para identificar moléculas candidatas a inhibidores” do desenvolvemento do SARS-CoV-2.

E nesa procura, sinalan as plantas de mangleiros como “fontes potenciais de fitoquímicos (fenois, flavonoides, esteroides, terpenoides e taninos) con propiedades antimicrobianas, anticancerosas e antioxidantes”.

“Os extractos metanólicos de froitas e follas de Avicennia officinalis poderían usarse con fins terapéuticos en resposta á covid-19”

Ao facer unha análise fitoquímica para identificar os compostos que se atopan en extractos de metanol das follas e froitos do mangleiro Avicennia officinalis, determinaron que esta planta é “unha fonte eficiente de máis de 75 compostos bioactivos pertencentes a grupos versátiles”.

“Ademais, a presenza de flavonoides e compostos fenólicos é normalmente un indicador de que un extracto de planta exerce actividades antioxidantes, e os fitoquímicos con propiedades antioxidantes poden inhibir as encimas que son esenciais para a replicación viral”, argúen.

“O noso estudo indicou que tanto os extractos de follas como os de froitos presentaban actividades antioxidantes e citotóxicas elevadas”, conclúen os autores. Un citotóxico é unha substancia ou axente que dana ou mata células alteradas, como as cancerosas.

No traballo avaliouse o potencial da unión dos compostos identificados. “Os tres principais compostos candidatos, o ácido hidrocinámico, o alcohol fenetílico e a dihidroartemisinina, formaron tres, seis e dous enlaces de hidróxeno, respectivamente, ao interactuar coa proteasa principal do SARS-CoV-2”, o que pode axudar a “inhibir e bloquear as funcións” dos aminoácidos desa proteasa.

A infección viral depende da capacidade das proteínas para unirse a outras moléculas, utilizando, principalmente, ligazóns de hidróxeno. Para iniciar a infección, as espículas do coronavirus ancóranse na proteína receptora por medio deses enlaces. Cantas máis ligazóns de hidróxeno se formen, máis afinidade terá o virus pola célula e menos cantidade de virus inoculados provocarán a infección.

Cos resultados das súas análises, conclúen que “os extractos metanólicos de froitas e follas de Avicennia officinalis poderían usarse con fins terapéuticos en resposta á covid-19”.

Entre os asinantes deste estudo, publicado na revista científca Molecules, figura o catedrático Jesús Simal Gándara, da Área de Nutrición e Bromatoloxía do Departamento de Química Analítica e Alimentaria da Universidade de Vigo, no campus de Ourense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta