Os restaurantes que sirvan ceas están obrigados desde este venres a usar un medidor de CO2

Estes establecementos poderán ampliar o servizo coa entrada en vigor do novo toque de queda en Galicia, ás 23 horas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/04/2021 | Actualizada ás 19:33

Comparte esta noticia

A entrada en vigor do novo toque de queda ás 23 horas en Galicia propiciou a apertura dos restaurantes o pasado venres para o servizo de ceas, iso si, os comensais ademais de pedir cita previa ou reservar e rexistrarse no local cos seus datos, deben abandonalo co suficiente tempo de antelación para regresar aos seus domicilios.

Unhas persoas ceando no interior dun restaurante na Coruña
Unhas persoas ceando no interior dun restaurante na Coruña | Fonte: M. Dylan - Europa Press.

A outra novidade, a obriga de contar cun medidor de CO2 no local --xunto con medidas de ventilación, entra en vigor este venres, cunha semana de marxe para que se puidesen comprar os aparellos no caso de que non se tivesen xa antes.

Fontes da Consellería de Sanidade confirmaron que esta obriga entra en vigor este venres sen lugar a prórroga, como si sucedeu co código QR. Os establecementos de hostalaría advertiron de dificultades para contar co dispositivo a tempo.

En todo caso, a obriga do dispositivo só é para os establecementos con licenza de restaurante que sirvan ceas, polo que están eximidos o resto de locais que pechan ás 21,00 horas, momento xeral de peche da hostalaría polo momento.

Respecto da instalación destes dispositivos, pronunciouse a recén constituída Hostalaría Federada Galega, que aglutina a 13 asociacións de hostaleiros de toda Galicia e uns 4.000 establecementos.

"Houbo de todo. Houbo quen non chegou, quen non pode polos, quen os puxo e non tivo problemas", indicou este xoves, día en que entregaron os seus estatutos no rexistro da Xunta.

En todo caso, esta federación sinalou que "o problema en si mesmo" non é a instalación deste aparello, senón que a Xunta "pida algo tan tecnicamente complexo que fai que exista de súpeto unha demanda". Así, advertiron de que un aparello que ten un prezo, ante o incremento de demanda, pasa dun "0,1 a un 210 por cento".

"As cousas hai que facelas doutra forma, é a nosa forma de velo. Hai que falalo, a comunicación é importante. Non podemos vivir con este nivel de sobresalto e cada vez que sae un DOG non durmir. Non pode ser", sentenciaron.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta