Sanidade priorizará a vacinación do grupo de 65-69 anos e logo retomará a de persoal esencial

Ratifica que ese grupo de idade é "o principal obxectivo agora mesmo".

Por Europa Press / Redacción | Vigo | 23/04/2021 | Actualizada ás 15:29

Comparte esta noticia

Sanidade confirmou este venres que as persoas do grupo de idade de entre 65 e 69 anos serán as próximas en ser vacinadas contra o Covid-19 e que, unha vez que se inocule a este colectivo, reiniciarase a vacinación do persoal esencial que aínda non recibiu a súa dose. Así o trasladou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, durante un acto no hospital Meixoeiro de Vigo, no que tamén participou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xunto ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e responsables do Sergas na área viguesa.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xunto ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e responsables do Sergas na área viguesa. | Fonte: Europa Press

García Comesaña lembrou que cando o Consello Interterritorial de Saúde decidiu suspender a vacinación con Astrazeneca, "no mesmo momento, estableceuse a suspensión da vacinación dos grupos esenciais".

"Todo quedou pendente da evolución da indicación de Astrazeneca, e agora o que temos contemplado é que imos traballar co grupo de 65 a 69 anos, que é o principal obxectivo agora mesmo", sinalou.

Por tanto, Galicia finalizará primeiro a vacinación do grupo 60-65 anos e despois iniciará a inmunización do colectivo entre 65 e 69 anos, que agora mesmo está á espera de ser chamado, aínda que o conselleiro non concretou datas para o inicio da vacinación a este grupo.

Así mesmo, ratificou que, "unha vez rematado este colectivo" de idade, "reiniciarase a vacinación do persoal esencial que non está vacinado".

No caso dos docentes galegos, trátase dun 16 por cento, mentres que na comunidade educativa hai outro 12 por cento de persoal non docente que non recibiu ningunha dose.

Ademais, varias organizacións sindicais da Policía Nacional denunciaron que os axentes de entre 56 e 60 anos non foron vacinados como parte do colectivo esencial, e remitiron unha carta ao conselleiro de Sanidade para que se lles cite de forma "urxente". De non logralo, pedirán o "amparo" do Ministerio de Sanidade, como ocorreu en Cataluña, "para protexer os que teñen a misión de protexer aos demais".

Tamén expresou a súa queixa o colectivo de educadores físico-deportivos que traballan en centros con licenza sanitaria, e que non están incorporados no plan de vacinación, aínda que outros compañeiros nestas instalacións xa foron vacinados "hai semanas". O Colexio oficial de Licenciados en Educación Física (COLEF) de Galicia sinalou que esta situación está "a provocar queixas e malestar entre os usuarios e os propios traballadores", e púxose a disposición do Sergas para "organizar a vacinación destes profesionais".

Paralelamente, Galicia conta cunhas 60.000 persoas de colectivos esenciais (menores de 60 anos) que xa recibiron a primeira dose de Astrazeneca e que están á espera dos estudos que determinen con que segunda vacina van ser administrados.

Finalmente, queda por saber se a ficha técnica da vacina de Janssen se ampliará a outro colectivo máis aló do grupo entre 70 e 79 anos. As doses deste preparado estanse inoculando actualmente a grandes dependentes en Galicia e as grandes remesas espérase que cheguen a partir de xuño.

"TODA A CAPACIDADE" PARA VACINAR

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou que Galicia está a empregar "toda a capacidade" do sistema sanitario público no proceso de vacinación, "en función das doses que van chegando", e repetiu que se mantén a previsión de ter vacinada toda a poboación maior de 60 anos a finais de xuño.

"A vacina funciona. Necesitamos agardar e ter paciencia", reclamou o titular do Executivo galego, quen explicou que, "para cumprir o obxectivo" de xuño, é necesario que "non rompa o stock de Astrazeneca e Janssen, e que se vaian incorporando novas doses de Pfizer, e novas vacinas como Novavax, Sputnik, ou calquera que teña a autorización da EMA".

O presidente galego tamén incidiu en que este fin de semana (venres e sábado) están citadas 35.000 persoas para vacinarse, e que o domingo volverán citarse "a miles".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta