Temas: RAG FREIXANES

Freixanes renova o seu mandato como presidente da Real Academia Galega

Liderará un proxecto "de continuidade" centrado en reforzar o labor científico da RAG e a súa proxección social,

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/04/2021 | Actualizada ás 15:09

Comparte esta noticia

O pleno da Real Academia Galega (RAG) reelixiu este sábado a Víctor F. Freixanes como presidente da institución con 17 votos a favor e 3 abstencións.

Freixanes, reelixido presidente da RAG, co seu equipo
Freixanes, reelixido presidente da RAG, co seu equipo | Fonte: RAG.

Acompañarano na nova comisión executiva Margarita Ledo Andión como secretaria; Fina Casalderrey na tesouraría; Marilar Aleixandre no posto de arquiveira-bibliotecaria e Henrique Monteagudo na vicesecretaría.

O equipo traballará nun proxecto "de continuidade" centrado en reforzar o labor científico da RAG e a súa proxección social, pensando especialmente na promoción da presenza activa do galego entre os mozos.

"A forza da Academia reside na súa condición de institución centenaria, na solvencia do seu traballo científico, centrado fundamentalmente na lingua, no seu compromiso insobornable coa cultura e co idioma, pero tamén na capacidade que teña para comunicar ese labor, póndoo ao servizo da sociedade", reivindicou Freixanes, ante o pleno.

Víctor F. Freixanes foi elixido por primeira vez presidente da RAG en marzo de 2017. O equipo de goberno que o acompañará nesta nova etapa será, segundo destaca a propia academia, maioritariamente feminino por primeira vez na historia da institución.

A catedrática de Comunicación Audiovisual e directora de cinema Margarita Ledo Andión, arquiveira-bibliotecaria durante a presidencia de Xesús Alonso Montero, asumirá a secretaría ocupada ata agora por Monteagudo, que continuará como vicesecretario.

Tamén seguirán no equipo a ata agora tesoureira Marilar Aleixandre, agora como arquiveira-bibliotecaria, e Fina Casalderrey, que pasa a ocupar a tesouraría. Para todos eles, Freixanes tivo palabras de agradecemento, especialmente para para Andrés Torres Queiruga, tras completar oito anos no posto de vicesecretario.

PREOCUPACIÓN POLA PERDA DE FALANTES

Na exposición do seu proxecto ante o pleno, que se desenvolveu presencial e telematicamente, Freixanes trasladou a súa preocupación pola perda de falantes, sobre todo entre as novas xeracións.

Así, insistiu na necesidade de seguir avanzando nos proxectos que teñen a mocidade como protagonista, tanto para avaliar os problemas de transmisión xeracional do idioma e formular propostas de actuación como para promover o seu uso e o mellor coñecemento.

E é que, baixo o seu punto de vista, sen substituír aos políticos, é preciso exercer "críticamente" o papel que corresponde á academia en defensa do "ameazado" idioma ante os actores implicados: Xunta, deputacións e concellos, e tamén a sociedade civil. "Hai que unir esforzos e non xerar leiras de minifundio", reivindicou.

Nesta liña, avanzou que no próximos catro anos seguiranse buscando colaboracións con novos creadores audiovisuais, como as desenvolvidas nos proxectos 'Novas voces para a lingua' ou a serie documental 'Xela Arias. A palabra esgazada'; entre outras iniciativas.

"A lingua, en todas as súas manifestacións e demandas, é o noso principal activo. A súa continuidade nas novas xeracións de falantes, non como un elemento arqueolóxico nin exclusivamente sentimental, senón como algo operativo, rendible cultural, social e economicamente, é un desafío que nos compromete e no que fai falta profundar", concluíu.

Temas: RAG FREIXANES
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta