Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/04/2021 | Actualizada ás 18:56
O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia reiterou, unha vez máis, a necesidade de proceder á vacinación do persoal de Traballo Social que exerce as súas funcións nos servizos sociais, sanitarios e sociosanitarios, unha situación ante a que acusa á Xunta de "desproteger" tanto aos traballadores como aos usuarios.
En concreto, fan referencia á orde de marzo de 2020 que recoñece os servizos sociais como esenciais en todo o territorio do Estado, debido ao seu papel fundamental no mantemento das funcións básicas para o benestar social.
Con todo, o Goberno galego, apunta o Colexio, "nega a categoría de persoal esencial ao conxunto de traballadores dos servizos sociais" e "escúdase nos cambios de criterio do Goberno central sobre a administración da vacina de AstraZeneca para xustificar que centos de profesionais continúen sen vacinar, malia desenvolver funcións esenciais e de contacto estreito con milleiros de persoas usuarias".
Para o Colexio, esta resposta da Xunta "é irresponsable e inxusta" e "carece de calquera tipo de xustificación legal". "A resposta é especialmente grave por perpetuar o rol secundario que se lle atribúe ao Traballo Social desde a Administración e por agochar a realidade dos traballadores sociais en servizos como a Atención Primaria, que asumiron boa parte dos custos sociais da crise sociosanitaria resultado da pandemia de covid-19", alegan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.