Por E.P. | Lugo | 29/04/2021 | Actualizada ás 15:41
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, cualificou de "antidemocráticos" os doce deputados do PP que o pasado martes abandonaron o pleno da corporación provincial tras saír rexeitada unha iniciativa que pedía a reprobación de Tomei polas súas palabras cara á deputada autonómica e líder dos populares de Lugo, Elena Candia.
"Equivocáronse abandonando unha institución. O respecto ten que empezar por un mesmo e se non respectan a institución provincial, tampouco están lexitimados para pedir outras cousas para eles", aseverou este xoves o tamén alcalde monfortino.
O pasado martes, os deputados do Grupo Popular na Deputación de Lugo abandonar o pleno despois de que o PSOE e o BNG rexeitasen cos seus votos unha moción que expuña a reprobación e condena institucional polas declaracións nas que Tomé comentou a forma de vestir de Candia tras unha protesta convocada polo PP ante o goberno provincial.
Para o presidente lugués, abandonar un pleno "porque perdiches unha votación" é unha actitude "antidemocráctica, sobre todo cando ese grupo tiña iniciativas presentadas para debater nese pleno e non as defende; o que indica que lles gusta máis o espectáculo que defender os intereses dos veciños da provincia".
José Tomé aproveitou para preguntar ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, se "está de acordo con este tipo de actuacións" e "se lle parecería ben" que no Parlamento galego "se fixese o mesmo cando se perdan votacións ante o PP".
"A democracia empeza por respectar os votos, ben sexa dos cidadáns cando hai eleccións ou xa sexa despois nas institucións. O Partido Popular parece que non está disposto a iso", remarcou Tomé.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.