G. Caballero, en contra de retirar a tributación conxunta do IRPF: "A prioridade é xerar emprego"

Feijóo di que "é unha mala noticia". O líder dos socialistas galegos reta o PP a dicir "se está disposto a apoiar" o estado de alarma se se decide prolongar.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/05/2021 | Actualizada ás 13:41

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, situouse en contra de retirar a redución por tributación conxunta do IRPF na declaración da renda e suxeriu ao Goberno central que "a prioridade é xerar emprego" e que "as familias cheguen a final de mes non asfixialas".

Así se pronunciou o líder dos socialistas galegos ao ser preguntado este luns, en rolda de prensa, sobre as informacións publicadas este domingo por 'El País' acerca desta proposta enviada polo Goberno de España a Bruxelas no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, aínda que posteriormente foi matizada polo Executivo.

Neste contexto, Caballero apelou este luns a "ser cautos á hora de facer calquera tipo de formulación" sobre os incentivos fiscais. Así, mostrouse favorable das políticas keynesianas e "expansivas" para facer fronte á crise actual, pero considera que neste momento "non é prioritario ningunha modificación do tipo impositivo" que implique eliminar esta tributación conxunta.

Ademais, o secretario xeral do PSdeG cre que eses desincentivos "non deben primar á hora de marcar a folla de traballo do Goberno", senón que a "prioridade" debe ser xerar emprego e que "as mulleres se incorporen á poboación ocupada". "Os incentivos fiscais non son o factor determinante do mercado laboral", agregou.

Por tanto, Caballero aposta por un "modelo de políticas expansivas, que dean fondos e diñeiro a sectores máis abandonados pola crise" e manter "o compromiso de dar máis liquidez á economía". "E iso é o que fixo o Goberno", defendeu.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa.. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa.. PSDEG | Fonte: Europa Press

FEIJÓO

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sinalou que a eliminación das bonificacións pola tributación conxunta na declaración do IRPF suporía "unha moi mala noticia" que prexudicaría "ás clases medias", á vez que se mostrou receloso dos "matices" explicitados desde o Goberno.

A preguntas dos medios este luns en Pontevedra, o mandatario autonómico apuntou que esta proposta do Goberno central figura no plan de recuperación remitido ás autoridades europeas e que "agora" o Executivo estatal "está a matizar".

ESTADO DE ALARMA

Doutra banda, Gonzalo Caballero pediu este luns ao PP "lealdade" co Goberno de España e retouno a dicir "se está disposto a apoiar" o estado de alarma, no caso de que as autoridades sanitarias e gobernamentais recomendasen prolongalo máis aló do 9 de maio, cando está previsto que decaia. O líder dos socialistas galegos sinalou que o PP "non ten ningunha credibilidade cando fala do estado de alarma", porque "o rexeitou de forma desleal" e o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, dicía que "ía ser demoledor".

"Aínda non se desculpou ante a cidadanía", lamentou Caballero, quen de feito reivindicou o estado de alarma como "un instrumento moi útil para evitar os efectos das distintas ondas" da pandemia. Agora, engadiu, hai "un novo escenario" no que "a vacinación é a maior garantía fronte ao virus". Con todo, a pesar de que tanto o PSdeG como o Goberno central consideran que "hai mecanismos" previstos para enfrontarse á pandemia como o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, a Caballero gustaríalle saber "que ía dicir o PP" se finalmente as autoridades competentes decidisen continuar co estado de alarma.

A LEI DE SAÚDE "NON É O PRIORITARIO"

Así mesmo, Gonzalo Caballero volveu a cargar contra a reforma da Lei de Saúde de Galicia, recorrida ante o Tribunal Constitucional por parte do Executivo central, cando ao seu xuízo "non é o prioritario para saír desta crise". "E ademais é un tic autoritario cun compoñente inconstitucional que vulnera os dereitos fundamentais", agregou. Para o secretario xeral do PSdeG, a polémica reforma da normativa sanitaria "non era unha formulación de país", senón "de campaña estratéxica de Feijóo". "Para saír desta crise temos que respectar as normas, o Estado de dereito e non podemos profundar en estratexias que impliquen retrocesos democráticos", insistiu.

O PP PIDE "INSTRUMENTOS LEXISLATIVOS"

Fronte á postura dos socialistas acerca dos instrumentos legais que terán as comunidades a partir do 9 de maio, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, lamentou que "non se aprendeu sobre o que era necesario para continuar loitando contra a pandemia" desde o punto de vista lexislativo. "Tivemos un estado de alarma, un compromiso de reforma de leis, novas declaracións do estado de alarma e agora hai dúbidas de que as autoridades sanitarias poidan adoptar as medidas que se demostraron máis útiles para minimizar os contagios e loitar contra a pandemia", resumiu Puy, nunha rolda de prensa ofrecida este luns.

Neste contexto, o dirixente popular lembrou que hai "moitos xuristas" que consideran que habería que "adaptar a lexislación española" a un contexto de pandemia e, seguidamente, afeou ao Goberno que presentase un recurso de inconstitucionalidade cando Galicia "tentou encher ese baleiro" coa reforma da Lei de Saúde.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta